Bergondo inverte os 406.000 euros do Plan Único no reforzo de políticas sociais, obras e gasto corrente
O Concello de Bergondo ten previsto levar ao pleno da próxima semana a aprobación do Plan Único 2024 da Deputación da Coruña. Un programa do que lle corresponden un total de 406.293,48 euros e que serán destinados ao reforzo de políticas sociais e ao financiamento de obras e gasto corrente.
Dunha banda, a través do Plan Único Social, creado para sufragar gastos sociais extraordinarios, o Concello recibe 56.317,91 euros que serán utilizados para ampliar as partidas destinadas a axudas de emerxencia a persoas soas ou con familias en risco de exclusión social, a do Servizo de Axuda non Fogar e outras medidas que o departamento de Servizos Sociais considere imprescindibles.
Pola outra, destinaranse os 349.975,57 euros do Plan Único de cooperación ás obras e servizos para financiar gasto corrente (100.000 euros), e para cofinanciar os proxectos de: mellora do centro cívico de San Xoán (97.112,68 euros), e mellora de camiños nas parroquias de Ouces, Lubre, Bergondo, Moruxo, Babío, Rois, Vixoi e Guísamo.
Ademais, tamén levará a sesión plenaria a aprobación do Plan Complementario 2024, valorado en total en 150.389,87 euros, e que se destinará, unha vez a Deputación consigne fondos a este programa, á execución da rede de saneamento en Outeiro-Ouces.