Bergondo inicia o asfaltado de dous camiños municipais en Vixoi con financiamento de Agader

O Concello de Bergondo ten en marcha os traballos de asfaltado de dous camiños municipais na parroquia de Vixoi, obras financiadas a través do Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural). As actuacións céntranse en mellorar o firme e as condicións de accesibilidade en dous puntos considerados prioritarios pola veciñanza.
Un dos tramos nos que se está intervindo é o camiño que conecta a N-6 con Trasdoval, unha vía utilizada tanto por residentes como por tránsito agrícola e de servizo. O outro punto de obra localízase en San Vitorio, no percorrido que vai desde a antiga taberna ata Bouzavidal.
O obxectivo destas intervencións é mellorar a seguridade e a comodidade da circulación, así como manter en bo estado as comunicacións internas da parroquia, especialmente nos núcleos rurais.
