Bergondo inicia as obras de reparación do bordo da AC-162 xunto á praia de Gandarío

ACoruñaXa
A actuación dá resposta ao afundimento da beirarrúa rexistrado hai algo máis dun ano
berg-a-lagoa
4 Jun 2025

O Concello de Bergondo vén de iniciar esta semana os traballos de reparación do treito do marxe esquerdo da estrada AC-162 ao seu paso pola zona da Lagoa, nas inmediacións da praia de Gandarío. A actuación dá resposta ao afundimento da beirarrúa rexistrado hai algo máis dun ano e que mantivo este tramo valado desde entón, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas que circulan habitualmente por esta contorna.

As obras céntranse na recuperación da estrutura do borde da vía, na reposición da beirarrúa afectada e na mellora da estabilidade do terreo, que quedou comprometida tras o colapso da zona.

Desde o Goberno local lembran que esta intervención é complementaria ao proxecto de maior envergadura que o Concello inclúe no Plan Único (POS+) 2025 da Deputación da Coruña, cun investimento previsto de medio millón de euros. Ese segundo proxecto abranguerá a renovación integral de todos os servizos —abastecemento, saneamento, alumeado público, entre outros— nun treito máis amplo da AC-162, ata o límite co concello de Sada.

“O inicio desta obra responde a unha necesidade urxente en materia de seguridade peonil, mentres seguimos avanzando na planificación dunha reforma integral da zona”, sinalan desde o goberno municipal. “A reparación que agora se pon en marcha era un compromiso adquirido cos veciños e veciñas e supón un paso máis na mellora da mobilidade e a seguridade viaria no municipio”.

Está previsto que os traballos teñan unha duración aproximada de dúas semanas, sempre que non xurdan imprevistos técnicos ou meteorolóxicos. Desde o Concello tamén se agradece a comprensión da veciñanza polas posibles molestias puntuais que poida ocasionar a execución da obra, que non afectará ao tráfico rodado na vía principal.

⚙ Configurar cookies
0.17637300491333