Bergondo impulsará unha rúa residencial segura arredor da Escola Infantil Municipal de Guísamo


O Concello de Bergondo someterá este xoves 27 de novembro ao pleno municipal a aprobación do Plan Único Adicional da Deputación da Coruña, no que se inclúe unha actuación destinada a crear un entorno escolar seguro e saudable na contorna da Escola Infantil Municipal de Guísamo. A intervención ten como finalidade reforzar a seguridade viaria, mellorar a accesibilidade e dignificar o espazo público utilizado diariamente por nenas, nenos, familias e veciñanza da parroquia.
O investimento previsto ascende a 315.538,22 euros e financiarase con cargo ao Plan Único da Deputación, principal ferramenta de cooperación municipal da institución provincial, que permite aos concellos decidir en que proxectos destinan os fondos en función das súas necesidades. No caso de Bergondo, a prioridade céntrase na creación dun acceso máis seguro á escola infantil e na mellora do conxunto do ámbito, incluída a parroquia de Guísamo e a súa igrexa.
O proxecto prevé a conversión das actuais pistas asfaltadas nunha rúa residencial mediante a execución dunha plataforma única de entre 4 e 6 metros de ancho. Esta configuración permitirá establecer sentido único de circulación e mesmo habilitar tramos de uso totalmente peonil. Trátase de consolidar un espazo de tráfico acalmado, sen carrís marcados, no que se priorice a presenza das persoas que se desprazan a pé fronte ao vehículo privado.
O deseño contempla un novo firme que combinará pavimento de adoquíns prefabricados con lousas de granito, achegando maior seguridade e unha estética integrada coa zona. Tamén se ordenará e pavimentará a parcela destinada a aparcadoiro, acondicionarase o entorno con zonas axardinadas e renovarase o alumeado público, mellorando tanto a iluminación como a eficiencia enerxética.
A actuación inclúe ademais o soterramento das actuais liñas telefónicas aéreas, reducindo o impacto visual das instalacións, e a rehabilitación do lavadoiro tradicional existente na zona, actualmente en mal estado, co obxectivo de recuperar un elemento patrimonial con valor simbólico para a veciñanza.
Desde o goberno local subliñan que este proxecto 'responde á necesidade de crear espazos seguros arredor dos centros educativos, reducindo o tráfico motorizado e fomentando unha mobilidade máis accesible e humana'. Engaden que 'a intervención beneficiará non só ás familias usuarias da Escola Infantil Municipal, senón tamén ao conxunto da parroquia de Guísamo e ao seu entorno inmediato'.