Bergondo impulsa un novo proxecto de saneamento en Fiobre co apoio da Deputación da Coruña

ACoruñaXa
Sería unha actuación incluída na segunda fase do POS+ Adicional 2/2025 da Deputación e será valorado no pleno
casa-do-concello-bergondo
30 Jul 2025

O Concello de Bergondo levará ao pleno ordinario deste xoves, 31 de xullo, a aprobación dun novo proxecto de saneamento para o núcleo de Fiobre, unha actuación incluída na segunda fase do POS+ Adicional 2/2025 da Deputación da Coruña.

O investimento total ascende a 191.574,63 euros, dos cales 71.830,61 euros serán achegados pola Deputación, mentres que o Concello asumirá os 119.744,02 euros restantes con fondos propios.

O proxecto, que non fora incorporado na primeira fase do POS+ nin no Plan Complementario ao POS+ 2025, enmárcase na estratexia do Goberno local de continuar coa ampliación e modernización da rede de saneamento nas diferentes parroquias do municipio, facendo fincapé nas zonas que carecen dun servizo adecuado.

Desde o executivo municipal destacan que “esta é unha actuación prioritaria, que responde a unha necesidade real da parroquia de Fiobre, e que permitirá seguir avanzando no compromiso coa mellora dos servizos básicos e a sustentabilidade ambiental”. Ademais, salientan o papel clave do financiamento provincial: “O apoio económico da Deputación da Coruña resulta fundamental para que os concellos como Bergondo poidamos desenvolver este tipo de investimentos que, aínda que esenciais, serían difíciles de asumir en solitario con recursos propios”.

Con esta intervención, o Concello continúa a súa aposta por mellorar a calidade de vida da veciñanza e garantir infraestruturas axeitadas en todo o territorio municipal.

⚙ Configurar cookies
0.15716218948364