Bergondo homenaxea este domingo a Florencio Vaamonde Lores no centenario do seu falecemento

ACoruñaXa
A xornada, enmarcada no Ano Florencio Vaamonde, inclúe unha ruta literaria por Ouces, ofrenda floral, coloquio, misa, música e petiscos
BERGONDO vaamonde
15 Oct 2025

O Concello de Bergondo homenaxeará este domingo, 19 de outubro, a Florencio Vaamonde Lores no centenario do seu falecemento, nunha xornada inserida no programa municipal do 'Ano Florencio Vaamonde'.

Nado en San Xoán de Ouces o 2 de abril de 1860 e criado no seo dunha familia fidalga, Vaamonde Lores repartiu a súa infancia entre Bergondo e A Coruña, cidade na que exerceu como funcionario de Facenda. Poeta, narrador e ensaísta, dedicou boa parte da súa vida a consolidar as letras galegas e a dignificar a lingua. Foi impulsor do movemento cultural e político do seu tempo: participou na fundación da Liga Galega (1897), da Real Academia Galega (1905), de Solidariedade Galega (1907) e das Irmandades da Fala (1916). Como estudoso publicou artigos de carácter histórico en cabeceiras como La Fidelidad, Revista Gallega ou El Tribuno; na creación literaria seguiu a escola formalista de Eduardo Pondal, cultivou a novela de costumes e destacou como rigoroso ensaísta.

O programa deste domingo comezará ás 10.00 cunha misa en memoria do autor na capela de San Gregorio. Rematado o oficio, sobre as 10.30 iniciarase unha ruta literaria pola parroquia de Ouces, o seu lugar natal. O percorrido, de preto de catro quilómetros, deterase en espazos significativos da súa biografía: a Casa Grande dos Vaamonde, a fonte do Pincho, o Centro Social Antonio Pato Pardo (antiga escola), o castro de Reboredo e a igrexa de San Xoán de Ouces. Para facilitar a participación, o Concello habilitará un autobús de apoio para as persoas que o precisen.

Ás 12.15 celebrarase un acto institucional de homenaxe con ofrenda floral na igrexa de San Xoán de Ouces e, ás 13.00, o auditorio da Senra acollerá un coloquio con Isabel Seoane e Teresa Amado, investigadoras da obra e do legado de Vaamonde Lores. A xornada pecharase cunha actuación musical de Manoel de Felisa e con petiscos para o público asistente.

Ao abeiro desta conmemoración, o Concello declarou 2025 como 'Ano Florencio Vaamonde Lores', continuando a liña de posta en valor de autorías vencelladas ao municipio iniciada en 2024 co 'Ano Xoán Vicente Viqueira'. O calendario prevé que en 2026 as figuras homenaxeadas sexan Filomena Dato e Alejandro Pérez Lugín.

⚙ Configurar cookies
0.073523044586182