Bergondo homenaxea aos seus maiores cun encontro que reúne a preto de 500 persoas

O pavillón do CPI Cruz do Sar acolleu a XXIII edición do Encontro dos Maiores de Bergondo, unha cita xa consolidada no calendario social do municipio e que nesta ocasión reuniu a 485 persoas chegadas de todas as parroquias. O evento está dirixido a veciñas e veciños maiores de 60 anos e combina momentos de emotividade, homenaxe e celebración.
A xornada comezou ás 14.00 horas cunha misa cantada polo coro Lugar da Lúa, da parroquia de Lubre. Tras o acto relixioso, celebrouse un xantar comunitario no que reinou o bo ambiente e a conversa animada. Xa pola tarde, unha actuación musical organizada polo Concello puxo a nota festiva e convidou á participación dos asistentes.
Durante a celebración, rendeuse homenaxe ás persoas de maior idade presentes no evento. Francisca Lamas Mallo, veciña de Cortiñán, foi a máis veterana con 101 anos cumpridos o pasado mes de abril. Tamén foron recoñecidas Casilda Vilariño Paz e Adolfo Formoso Chouza, ambos con 92 anos, sendo este último o home máis lonxevo do encontro.
A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, acompañada de membros da corporación municipal, presidiu o acto e agradeceu a todas as persoas maiores “a súa traxectoria, o seu compromiso coa comunidade e a súa contribución á historia viva do noso concello”.
O Encontro dos Maiores continúa sendo un espazo de recoñecemento e convivencia que fortalece os lazos entre xeracións e pon en valor o papel fundamental das persoas maiores na vida local.