Bergondo habilita axudas para o pago da vivenda habitual e das facturas enerxéticas 2025

ACoruñaXa
O Concello abre o prazo ata o 31 de outubro para solicitar aportacións de até 900 euros para aluguer ou hipoteca e até 400 euros para catro recibos de luz ou gas
BERGONDO viviendas
7 Oct 2025

O Concello de Bergondo puxo en marcha o prazo de solicitude das axudas destinadas a aliviar os gastos vinculados á vivenda habitual e ao consumo enerxético do fogar. As persoas interesadas poden tramitar a petición mediante un formulario único na sede electrónica municipal ata o vindeiro 31 de outubro, o que permite solicitar as dúas liñas de apoio de forma conxunta.

A convocatoria, financiada polo Plan Social da Deputación da Coruña cun orzamento global de até 40.000 euros, contempla unha contía máxima de 900 euros para cubrir, por exemplo, tres mensualidades de aluguer ou de préstamo hipotecario, e ata 400 euros para sufragar un máximo de catro facturas de consumo enerxético. O obxectivo desta medida é axudar a reducir a carga económica das unidades familiares do municipio nun contexto de encarecemento dos custos domésticos.

As persoas que precisen axuda ou desexen resolver dúbidas poden dirixirse aos servizos sociais municipais chamando ao teléfono 981 791 252 (ext. 4) ou escribindo a servizos.sociais@bergondo.gal. O Concello recomenda non agardar aos últimos días do prazo e consultar os requisitos e documentación necesaria na sede electrónica antes de presentar a solicitude.

⚙ Configurar cookies
0.085030078887939