Bergondo festexará este sábado as Letras Galegas con música, literatura e unha ofrenda floral

ACoruñaXa
O acto terá lugar na Senra este sábado a partir das 11.40 horas e participarán As Fillas Bravas de Momán, a Agrupación de Música Tradicional de Bergondo e o autor Xosé Luis Mosquera Camba
fillas-bravas-de-moman-imaxe-grupo-chevere
Fillas Bravas, imaxe do grupo Grupo Chévere
14 May 2025

O Concello de Bergondo conmemorará este sábado, 17 de maio, o Día das Letras Galegas 2025, no que se homenaxea ás cantareiras e á poesía popular oral, coa súa XVI Ofrenda Floral na que tamén haberá actuacións musicais e presentacións literarias.

O acto terá lugar na explanda da Senra a partir das 11:40 horas, momento no que actuará a Agrupación de Música Tradicional de Bergondo. Logo, ás 11:55 horas, o autor Xosé Luis Mosquera Camba fará unha intervención sobre o seu libro ‘Trece maneiras de mirar un almanaque’ e ás 12 horas terá lugar a tradicional ofrenda floral realizada pola alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, e outros membros da corporación municipal.

Para poñer fin ao acto, ás 12:30 horas haberá un pequeno concerto no anfiteatro da Senra (se chove trasladarase ao auditorio) de As Fillas Bravas de Momán, que levan xa dez anos espallando por todo o país as voces das cantareiras.

Actividades paralelas

Previamente, o Concello lanzou unha nova edición dos seus xa tradicionais concursos polas Letras Galegas dirixidos a toda a poboación maior de 3 anos empadronada no municipio ou que cursase estudos nalgún dos seus centros educativos: XXVI Certame Literario ‘Bergondo nun conto’, XIX Concurso de Marcapáxinas, e o IV Concurso de Vídeo.

⚙ Configurar cookies
0.11017394065857