Bergondo estrea a ‘Orientación Nocturna’ e acolle a sexta proba da Liga MTBO 2025

O Concello de Bergondo, en colaboración co club Gallaecia Raid, organizará o sábado 22 de novembro de 2025 unha intensa xornada de orientación que combinará aventura e natureza e atraerá participantes de toda Galicia e do norte de Portugal.
Pola mañá disputarase a VI proba da Liga MTBO 2025, puntuable tamén como Campionato Xunta de Galicia en distancia media. A carreira, que se desenvolverá por pistas e sendeiros do municipio, constará dunha única proba de media distancia cun percorrido secreto que se desvelará na saída. A primeira quenda partirá ás 10.30 horas e a entrega de trofeos será ás 13.30 horas. O prazo de inscrición para esta cita remata o domingo 16 de novembro.
Xa pola tarde-noite chegará a estrea da I Orientación Nocturna de Bergondo, unha proba popular aberta a todo o público que busca achegar a disciplina á cidadanía. Disputarase en formato rogaine (cada participante ou equipo decide a súa estratexia para sumar o maior número de puntos no tempo marcado) e ofrecerá tres modalidades: carreira longa de 3 horas (para orientadoras e orientadores con experiencia), carreira curta de 1,5 horas (pensada para iniciación ou menor esixencia física) e carreira infantil de 1 hora, sen dificultade técnica, no recinto de A Senra.
A recollida de dorsais comezará ás 17.00 horas e as saídas serán a partir das 18.30 horas. As persoas participantes deberán levar roupa deportiva, lanterna ou frontal, chaleco reflectante, compás e teléfono móbil, ademais de controlar o tempo para non superar o límite de carreira. O cupo total está limitado a 400 dorsais e as inscricións para a Nocturna poderán tramitarse na plataforma Tracktherace ata o 15 de novembro. As persoas empadroadas en Bergondo poderán participar de balde marcando a opción correspondente no formulario.
En conxunto, a xornada supón unha aposta municipal por promover a práctica deportiva ao aire libre e o descubrimento do territorio a través da orientación en bicicleta de montaña e en formato nocturno.