Bergondo demanda actuar con urxencia no cemiterio de Cortiñán ante os riscos de seguridade

ACoruñaXa
Como medida preventiva, o Goberno local procedeu a acordoar e valar a zona afectada
socavon-bergondo
24 Apr 2025

O Concello de Bergondo vén de dirixirse oficialmente ao Arcebispado de Santiago de Compostela para esixir actuacións urxentes no cemiterio parroquial de Cortiñán debido aos problemas de seguridade que presenta o recinto.

A solicitude municipal vai acompañada dun informe técnico do arquitecto municipal no que se alerta do deterioro que sofre a cuberta dos nichos. O documento sinala que o paso do tempo provocou desprendementos de fragmentos de formigón que caen sobre as zonas de paso utilizadas polos visitantes do camposanto, xerando un claro risco para a integridade das persoas.

Ademais, nos últimos días detectouse a aparición dun socavón no terreo, no cal se observa o paso dunha corrente subterránea de auga. Esta nova circunstancia fai que o Concello considere que a situación vai máis alá dos elementos que poidan caer desde o alto, advertindo da posible existencia dun problema estrutural grave.

Como medida preventiva, o Goberno local procedeu a acordoar e valar a zona afectada para impedir o paso de persoas, e solicita á veciñanza que respecte a sinalización colocada para evitar calquera accidente.

Desde o Concello insístese en que é imprescindible que o Arcebispado acometa de inmediato as obras ou intervencións necesarias para garantir a seguridade no cemiterio. Aínda que a titularidade do espazo non é municipal, o executivo local lembra que se trata dun espazo público moi frecuentado e que deben tomarse medidas para protexer aos seus usuarios.

O mal estado das instalacións tamén xerou o malestar da cidadanía. Varios veciños e veciñas teñen trasladado queixas ao Concello sobre o estado do camposanto, alertando da evidente falta de seguridade e demandando accións inmediatas por parte da entidade propietaria.

 

⚙ Configurar cookies
0.15005898475647