Bergondo crea o ‘Bosque Atlántico de Cerveiros’, un novo pulmón verde no polígono industrial

ACoruñaXa
O Concello remata a recuperación ambiental dunha parcela con 65.803 euros, con apoio da Xunta e dentro da estratexia da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas
BERGONDO cerveiros
17 Dec 2025

Bergondo conta cun novo espazo verde de uso público tras a finalización dun proxecto de acondicionamento e recuperación ambiental nunha parcela do polígono industrial. O resultado é o ‘Bosque Atlántico de Cerveiros’, denominación que recupera o topónimo histórico co que se coñecía esta zona.

A actuación encádrase na estratexia de conservación da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e dispuxo dun orzamento de 65.803 euros, financiado a través dunha axuda da Xunta de Galicia. A alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, visitou o novo ámbito xunto coa directora de Enerxías Renovables e Cambio Climático da Xunta, Paula Uría, e o xerente da Reserva, Diego López, ademais doutros integrantes do goberno local.

Segundo explica o Concello, o proxecto permitiu transformar a parcela nun ‘pulmón’ no que se combinan recuperación ambiental, fomento da biodiversidade e usos sociais. Entre os traballos executados figuran a eliminación de especies exóticas invasoras e a recuperación de vexetación autóctona propia do bosque atlántico, así como a restauración ecolóxica do terreo para favorecer a presenza de fauna local e polinizadores.

O novo espazo incorpora tamén elementos orientados ao lecer e á educación ambiental, con sendeiros adaptados, zonas de observación e áreas de descanso. Ao mesmo tempo, a intervención busca mellorar a paisaxe do polígono industrial e xerar un entorno máis amable que facilite a convivencia entre a actividade económica e o medio natural.

O obxectivo municipal é incrementar a calidade ambiental e reforzar a conexión ecolóxica entre as áreas naturais da contorna, a ría e o tecido urbano e industrial. Dende o goberno local subliñan que a iniciativa representa ‘unha aposta clara pola transición ecolóxica, a mellora paisaxística e o benestar de toda a veciñanza de Bergondo’. O ‘Bosque Atlántico de Cerveiros’ está pensado para o goce de familias, centros educativos, traballadores do polígono e visitantes, como paso cara a un modelo de municipio máis sostible e equilibrado.

⚙ Configurar cookies
0.076545000076294