Bergondo convoca unha segunda manifestación contra a supresión do baipás de Infesta

ACoruñaXa
A marcha será o venres 28 de novembro ás 19.00 horas na DP-0105, xunto ao hotel luso, baixo o lema 'Por unha alternativa xusta. Cortiñán non se mutila'
BERGONDO manifa cortiñan
Imaxe da primeira manifestación
24 Nov 2025

O Concello de Bergondo vén de convocar unha segunda manifestación contra o proxecto do Ministerio de Transportes para o 'ramal de conexión entre as liñas de ancho ibérico León–A Coruña e Betanzos Infesta–Ferrol', que prevé a eliminación do baipás de Infesta. A nova mobilización celebrarase o venres 28 de novembro ás 19.00 horas na estrada provincial DP-0105, ao carón do Hotel Luso, e repetirase baixo o lema 'Por unha alternativa xusta. Cortiñán non se mutila'.

Esta convocatoria chega despois da primeira protesta veciñal, celebrada o pasado 28 de outubro no mesmo punto, na que arredor de medio cento de persoas cortaron puntualmente a vía para amosar o seu rexeitamento ao deseño actual do ramal ferroviario. A decisión de repetir a mobilización prodúcese tamén tras o recurso presentado polo goberno local contra a resolución ministerial que descarta a alternativa formulada polo propio Concello (a coñecida como alternativa 5S) ao considerala 'non viable tecnicamente'.

O proxecto estatal ten como obxectivo construír un novo ramal, duns 1,6 quilómetros de lonxitude e con dous viadutos, para conectar directamente as liñas León–A Coruña e Betanzos Infesta–Ferrol e evitar a actual manobra de cambio de sentido na estación de Betanzos-Infesta, o que permitiría reducir o tempo de viaxe entre A Coruña e Ferrol.

Desde Bergondo, porén, o executivo municipal advirte de que a alternativa impulsada polo Ministerio (a denominada alternativa 6) supón un forte impacto sobre a parroquia de Cortiñán, xa que deixaría centos de fincas baixo servidume ferroviaria, condicionaría o desenvolvemento urbanístico futuro e podería depreciar o patrimonio das familias afectadas.

Fronte a isto, o Concello defende a súa proposta técnica alternativa 5S, unha solución que reconfigura o trazado para afastalo das vivendas, reducir expropiacións e diminuír o número de viadutos, concentrando a infraestrutura en ámbitos forestais ou industriais e mitigando o impacto acústico e visual sobre Cortiñán. Aínda que o Ministerio insiste en que o seu deseño cumpre coa normativa, garante a explotación do ramal e conta cun informe ambiental favorable, o goberno local mantén que é posible unha alternativa máis equilibrada entre as necesidades ferroviarias e a protección do territorio.

Con esta segunda manifestación, o Concello chama de novo á participación da veciñanza para reforzar a posición municipal nas negociacións e reclamar 'unha alternativa xusta' que permita mellorar a conexión ferroviaria sen hipotecar o futuro urbanístico de Cortiñán nin agravar as afeccións sobre as propiedades particulares.

Manifestación Cortiñán-2
⚙ Configurar cookies
0.073326826095581