Bergondo convoca unha manifestación contra a supresión do baipás de Infesta e defende unha alternativa propia para o ramal ferroviario

ACoruñaXa
A marcha celebrarase o martes 28 de outubro ás 12.00 horas na DP-0105, xunto ao Hotel Luso, co lema 'Por unha alternativa xusta. Cortiñán non se mutila'.
BERGONDO bypass infesta
22 Oct 2025

O Concello de Bergondo chama a mobilizarse contra o proxecto do Ministerio de Transportes para o 'ramal de conexión entre as liñas de ancho ibérico León–A Coruña e Betanzos-Infesta–Ferrol', que implica eliminar o baipás de Infesta. A protesta está convocada para o martes 28 de outubro ás 12.00 horas na estrada provincial DP-0105, preto do Hotel Luso, e desenvolverase baixo o lema 'Por unha alternativa xusta. Cortiñán non se mutila'.

O goberno local vén de recorrer a decisión estatal de rexeitar a súa proposta técnica ao considerar que a alternativa ministerial —identificada como Alternativa 6— prexudica de maneira severa ás vivendas e ao tecido urbano de Cortiñán. Sostén que, aínda que o trazado non pase literalmente por riba de moitas casas, deixaría numerosas parcelas en zona de servidume ferroviaria, limitando o seu uso futuro e devaluando o patrimonio das familias afectadas.

Fronte a iso, o Concello defende a súa Alternativa 5S, unha solución híbrida que adapta tramos estudados nas opcións 5 e 6 do Ministerio para afastar a infraestrutura da área residencial e reducir custos e expropiacións. A proposta prevé desprazar o entronque coa vía existente para evitar un primeiro viaduto sobre a DP-0105, modificar o percorrido intermedio e conectarse no último treito co trazado da Alternativa 6.

Segundo a memoria municipal, con esta configuración só sería preciso un viaduto na zona de Talleres Suárez e Loureda, máis económico, ademais dun paso sobre a N-VI, mentres que a maior parte do impacto se trasladaría a áreas forestais ou industriais. O Executivo local cualifica a 5S de máis sensata, máis social e máis xusta, ao minimizar a afección acústica e urbanística e protexer o dereito á vivenda das persoas de Cortiñán.

O Ministerio defende que a súa opción cumpre a normativa, garante a explotación do ramal, non afecta directamente a vivendas nin a instalacións críticas e conta cun informe ambiental favorable. Con todo, Bergondo insiste en que a Alternativa 6 'afecta gravemente' ao territorio e pide revisar o deseño para compatibilizar a funcionalidade ferroviaria coa protección do tecido residencial e a ordenación urbanística do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.070661067962646