Bergondo convoca o I Concurso de Foto-relatos dentro do programa ‘Bergondo en Feminino’

ACoruñaXa
A través desta nova actividade, o Concello busca fomentar unha mirada feminista e creativa da realidade local
bergondo-certame
26 Apr 2025

O Concello de Bergondo continúa coa programación da sexta edición de Bergondo en Feminino, unha iniciativa promovida pola área de Servizos Sociais que busca poñer en valor o papel das mulleres no municipio. Nesta ocasión, o consistorio impulsa o primeiro Concurso de Foto-relatos, unha proposta que conxuga imaxe e literatura para visibilizar as experiencias, loitas e avances das mulleres bergondesas.

A través desta nova actividade, o Concello busca fomentar unha mirada feminista e creativa da realidade local. As persoas interesadas en participar poderán enviar os seus traballos ata o vindeiro 20 de maio ás 14.00 horas.

O certame estará dividido en dúas categorías: xuvenil (de 12 a 18 anos) e adulta (a partir de 18 anos). Para cada categoría entregarase un total de tres premios. Na xuvenil, o primeiro premio será un bono comercio de 180 euros, mentres que na categoría adulta será de 200 euros. En ambos casos, o segundo premio consistirá nun lote de libros, e o terceiro, nunha maleta de materiais do proxecto Bergondo en Feminino.

O xurado terá en conta distintos criterios á hora de valorar os traballos presentados: a perspectiva de xénero, a capacidade de sensibilización, a orixinalidade do enfoque, así como a calidade técnica do texto e da imaxe. A entrega de premios terá lugar o venres 30 de maio pola tarde, no edificio sociocultural de A Senra, dentro do evento de peche desta edición do programa.

O programa Bergondo en Feminino, creado en 2019, foi recoñecido pola súa contribución á igualdade cun premio no VII Concurso de Boas Prácticas Locais contra a Violencia sobre as Mulleres, concedido pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero. Entre as súas accións destacan o renomeamento de centros sociais con nomes de mulleres destacadas do municipio, a creación dun mapa interactivo con biografías de 15 bergondesas, ou as rutas culturais que dan a coñecer estas historias silenciadas.

⚙ Configurar cookies
0.15583491325378