Bergondo convoca a terceira manifestación contra a supresión do baipás de Infesta o 18 de decembro

O Concello de Bergondo e a veciñanza afectada pola futura conexión ferroviaria entre as liñas León–A Coruña e Betanzos-Infesta–Ferrol volverán saír á rúa o xoves 18 de decembro. Será a terceira manifestación contra o proxecto do Ministerio de Transportes para a supresión do baipás de Infesta, unha actuación que, segundo advirte a administración local, tería un impacto moi prexudicial na parroquia de Cortiñán. A concentración está convocada para as 13.00 horas na estrada provincial DP-0105, ao carón do Hotel Luso, baixo o lema 'Por unha alternativa xusta. Cortiñán non se mutila'.
O proxecto estatal prevé un novo ramal ferroviario que conecte as liñas de ancho ibérico León–A Coruña e Betanzos-Infesta–Ferrol e que implica eliminar o actual baipás de Infesta. O Concello insiste en que a solución elixida polo Ministerio, coñecida como Alternativa 6, non achega beneficios reais nin para Bergondo nin para Cortiñán, máis alá dun suposto aforro de seis minutos no tempo de viaxe, e que, pola contra, suporía un forte impacto sobre o territorio, as vivendas e o desenvolvemento urbanístico da zona.
A mobilización do día 18 dá continuidade á vaga de protestas iniciada o pasado 28 de outubro, cando arredor de medio cento de persoas, entre residentes e representantes municipais, cortaron de forma puntual a DP-0105 tras unha pancarta co mesmo lema para reclamar unha alternativa máis sensata, máis económica e máis xusta para o ramal ferroviario. O 28 de novembro repetíronse as protestas, tamén na DP-0105 e ao carón do Hotel Luso, evidenciando de novo a unidade entre o Concello e a cidadanía fronte ao trazado escollido polo Ministerio.
O goberno local lembra que xa presentou un recurso fronte á decisión do Ministerio de non contemplar a proposta municipal, a chamada Alternativa 5S, que combina elementos doutras opcións estudadas e que, segundo defenden desde Bergondo, permitiría reducir viadutos, minimizar expropiacións, afastar o trazado das zonas residenciais e derivar o impacto cara a áreas industriais ou forestais, mantendo ao tempo a funcionalidade da nova conexión ferroviaria.
Desde o Concello sublíñase que Bergondo non se opón á mellora das comunicacións ferroviarias entre A Coruña e Ferrol, senón a que o custo territorial e social deste proxecto recaia de maneira desproporcionada sobre Cortiñán. Por iso chaman a veciñas, veciños e colectivos sociais a participar masivamente nesta terceira manifestación, coa que se pretende reforzar a mensaxe de que aínda hai marxe para rectificar e apostar por unha alternativa máis respectuosa co territorio e coas persoas afectadas.