Bergondo consolídase como epicentro do deporte de aventura co 'Bergondo Raid’

ACoruñaXa
Contou coa participación de 52 equipos procedentes de toda Galicia, así como doutros puntos do Estado
bergondo-raid (2)
13 Apr 2025

O Concello de Bergondo acolleu a estrea do Campionato Galego de Raid de Orientación ‘Bergondo Raid’, unha proba de alta esixencia que combinou bicicleta de montaña, carreira a pé e kayak, e que contou coa participación de 52 equipos procedentes de toda Galicia, así como doutros puntos do Estado como Segovia, Asturias e Huelva, e mesmo de Portugal.

A xornada, marcada polo bo tempo e un altísimo nivel competitivo, serviu para poñer en valor os espazos naturais do municipio e situar a cita como un novo referente do deporte de aventura na comunidade galega.

O percorrido principal contou cun total de 72 quilómetros, mentres que a categoría de promoción dispuxo dun trazado reducido de 35 quilómetros. Todos os equipos tiveron que enfrontarse aos retos de orientación e resistencia unicamente coa axuda de mapas e brúxulas, demostrando grande habilidade e capacidade de superación.

Na categoría Orientaraid, o equipo O Pasatempo Gallaecia Raid proclamouse gañador, seguido por Clínica Soro Montebreamo, mentres que Gallaecia Raid Promesas acadou o terceiro posto. Na categoría 2+1, o equipo Endurance impúxose cun ritmo constante e unha estratexia ben executada, quedando Raza Palleira en segunda posición e Brigantia en terceira. Por último, na categoría 3+0, Endurance repetiu ouro, seguido por Gallaecia Raid Keltoi e Aromon Melide Raid.

A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, destacou o valor deste tipo de eventos para o municipio: “O Bergondo Raid foi unha oportunidade fantástica para amosar a riqueza natural do noso entorno e fomentar o deporte ao aire libre entre todas as idades.”

Tamén o director da carreira, Pablo Franco, amosou a súa satisfacción pola acollida e o desenvolvemento da proba: “O nivel dos participantes foi altísimo e estamos moi contentos coa resposta recibida. Todo indica que esta será a primeira de moitas edicións.”

Con este éxito inaugural, o Bergondo Raid apunta a converterse nunha cita indispensable no calendario galego de deporte de aventura.

⚙ Configurar cookies
0.30479216575623