Bergondo celebrou con gran acolllida o seu II Día do Deporte en Gandarío

O Albergue e a Praia de Gandarío acollen este sábado unha nova edición do Día do Deporte, que se está a desenvolver con grande éxito de participación e ambiente. Ao longo dunha xornada chea de enerxía e convivencia, decenas de veciños e veciñas de todas as idades están a desfrutar dunha ampla variedade de actividades deportivas, promovendo un estilo de vida activo e saudable.
A mañá arrancou con moito entusiasmo, coa entrega das pulseiras de participación e a apertura dos espazos habilitados. A escalada, o tiro con arco, os kayaks, os xogos populares ou deportes alternativos como o goalball e o kin-ball están a rexistrar unha notable acollida. Ademais, a entrega de selos por cada actividade realizada está a motivar aos asistentes, que buscan completar o seu percorrido para obter un merecido premio.
As exhibicións deportivas tamén foron un dos pratos fortes da mañá. O público puido desfrutar das demostracións de ciclismo, salvamento e socorrismo, baloncesto e taekwondo, que espertaron grandes aplausos entre os asistentes. O ritmo continúa coas exhibicións de fútbol sala, ximnasia rítmica, xadrez e atletismo, mantendo a emoción durante toda a xornada.
Ás 14.00 horas tivo lugar unha degustación para todas as persoas que recolleron previamente o seu ticket na Casa da Cultura, un momento perfecto para repoñer forzas antes de continuar coas actividades da tarde.
O Concello de Bergondo quixo agradecer expresamente a colaboración das entidades deportivas locais, da Xunta de Galicia, así como a implicación das familias e do voluntariado, claves para facer posible esta celebración tan especial.