Bergondo celebrará a Romaría de Santa Marta con música e aperitivo veciñal

O Concello de Bergondo vén de anunciar a programación para a tradicional Romaría de Santa Marta, que se celebrará os días sábado 2 e domingo 3 de agosto, cunha combinación de actos relixiosos e propostas festivas para a veciñanza.
Durante as dúas xornadas terán lugar as habituais misas dedicadas a Santa Marta, que se celebrarán tanto na Capela como na Igrexa parroquial. O domingo, tras a misa solemne, o Concello ofrecerá un aperitivo aberto ao público como colofón da celebración.
O acompañamento musical correrá a cargo do grupo local Os Sobraos de Bergondo e da actuación do recoñecido conxunto Son Boleros, que porán a nota festiva a esta cita relixiosa e popular. Desde o Concello convidan á cidadanía a participar nesta romaría que, como cada ano, busca fortalecer os lazos comunitarios e manter vivas as tradicións locais.