Bergondo activa tres liñas de axudas para apoiar ás familias no inicio do curso escolar

O Concello de Bergondo mantén o seu compromiso co apoio ás familias con fillos e fillas en idade escolar e vén de abrir o prazo para solicitar tres liñas diferentes de axudas económicas destinadas a aliviar o esforzo que supón cada novo inicio de curso.
Por unha banda, están as bolsas de préstamo de libros de texto, que complementan o Fondo Solidario da Xunta de Galicia e que poden solicitarse para o alumnado desde 3º de Primaria ata 4º da ESO. Estas axudas están dispoñibles mediante un formulario específico ata o 27 de xuño.
Para as etapas educativas non cubertas por este fondo autonómico, como Educación Infantil e os dous primeiros cursos de Primaria, o Concello activa unha segunda liña de axudas baseada na entrega directa de libros. No caso do alumnado de 1º e 2º de Primaria, será obrigatorio solicitar previamente a axuda da Xunta para a adquisición de libros e material; en caso contrario, quedarán excluídos deste programa municipal. As solicitudes deben presentarse antes do 2 de xullo, ben de forma presencial no Rexistro ou a través da sede electrónica do Concello.
A terceira das liñas dispoñibles é o programa de axudas para a compra de material escolar e libros, destinado a todas as etapas educativas e enfocado a familias con menores ingresos. Esta subvención, que pode variar entre os 30 e os 120 euros segundo a renda, está dirixida a estudantes matriculados en centros públicos de Bergondo que cumpran cos requisitos económicos establecidos nas bases. O prazo para presentar solicitudes tamén remata o 2 de xullo, mediante o Rexistro municipal.
O Concello salienta que esta última liña é a única que ten en conta os ingresos familiares, mentres que as axudas de préstamo e entrega de libros non contemplan a renda como criterio. Desta forma, reitérase “a clara aposta pola educación pública e gratuíta” e por facilitar o acceso igualitario aos recursos escolares.