Bergondo acolleu na Senra un curso intensivo de defensa persoal feminina impulsado pola Deputación

O edificio A Senra, en Bergondo, foi o punto de encontro dun dos cursos de defensa persoal feminina promovidos pola Deputación da Coruña, dentro da segunda edición do ciclo formativo que percorre diferentes concellos da provincia. Na sesión participaron o deputado responsable de Deportes, Antonio Leira, e a alcaldesa do municipio, Alejandra Pérez Máquez.
A actividade forma parte dun programa de formación intensiva dirixido a mulleres co obxectivo de reforzar a seguridade persoal e a autonomía a través do deporte e do aprendizaxe práctico. O enfoque do curso pretende achegar recursos útiles para saber como actuar ante situacións de risco.
Ao longo da xornada, as asistentes traballaron técnicas físicas de defensa persoal e tamén contidos vinculados á preparación psicolóxica, como a prevención, a xestión do medo e a capacidade de reacción antes, durante e despois dunha posible agresión. As sesións estiveron impartidas por profesionais especializados en seguridade e defensa persoal.
Antonio Leira salientou que a Deputación continúa a impulsar iniciativas que van máis alá da práctica deportiva, orientadas a dotar ás mulleres de 'ferramentas reais' que reforcen a confianza, a autonomía e a seguridade no día a día. O deputado puxo tamén en valor a colaboración cos concellos para estender este tipo de programas a todo o territorio provincial.
Pola súa banda, Alejandra Pérez Máquez agradeceu á Deputación que escollese Bergondo como sede desta acción e destacou a relevancia de promover formacións que contribúan á igualdade, á prevención da violencia e ao benestar das mulleres. O ciclo continuará nos vindeiros meses noutros municipios da provincia.