Beche acolle con éxito unha nova edición do Día da Familia en Abegondo, con máis de 2.200 asistentes

ACoruñaXa
A xornada comezou cunha gran comida popular, que serviu de antesala a unha ampla programación lúdica
abegondo-familia
14 Jul 2025

O Concello de Abegondo celebrou esta fin de semana unha nova edición do seu xa consolidado Día da Familia, unha cita que reuniu a máis de 2.200 persoas na área de Beche, batendo récords de participación e converténdose, un ano máis, nun auténtico punto de encontro para a veciñanza das diferentes parroquias do municipio.

Durante o acto inaugural, o alcalde, José Antonio Santiso, destacou o valor desta xornada para a convivencia e o fortalecemento dos vínculos comunitarios: “O verdadeiro orgullo de ver como este tradicional Día da Familia xa está consolidado como un punto de reunión para a veciñanza de todas as parroquias”, afirmou. O rexedor tamén puxo en valor o espazo de Beche como escenario perfecto para este tipo de eventos veciñais: “As actividades veciñais coma esta que seguiremos promovendo nunha contorna única e ideal que segue a medrar e que cada vez contará con máis posibilidades”.

A xornada comezou cunha gran comida popular, que serviu de antesala a unha ampla programación lúdica. Os máis pequenos e pequenas gozaron de obradoiros, inchables, paseos en poni e unha animada festa da escuma. A diversión continuou cos espectáculos Desastronauts, da compañía Somos Circo, e con varios pases da función especial 50 (1975–2025) do Mago Antón.

Xa pola tarde, tivo lugar o inicio do campionato de tute, que deu paso á tradicional verbena. A música correu a cargo de Xilo & Carlos, Paco Lodeiro e Noly & Alejandra da orquestra Los Satélites, ademais do Grupo de Gaitas e Baile de Abegondo e a Charanga NBA, que animaron o ambiente con ritmos tradicionais e populares. O público puido ademais desfrutar de lambonadas como flocos de millo e algodón de azucre.

O evento contou co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, e incluíu tamén un espazo de concienciación sobre a campaña autonómica ‘Agresión off, eu digo non á violencia sexual’, co obxectivo de informar sobre a violencia de xénero, en especial a de carácter sexual, e proporcionar ferramentas para previla, detectala e combatela.

O Día da Familia volveu demostrar que a participación cidadá e o lecer ao aire libre poden ir da man para reforzar o sentimento de comunidade e promover valores de convivencia, igualdade e respecto entre xeracións.

⚙ Configurar cookies
0.16239619255066