BDS Galiza denuncia a negativa do Morriña Fest a atender ás demandas éticas do movemento palestino

ACoruñaXa
A acción do colectivo marcou o inicio dunha nova fase da campaña contra festivais vencellados ao fondo de investimento KKR
morrinha-palestina
26 Jul 2025

O colectivo BDS Galiza participou este venres 25 de xullo nunha concentración cidadá na praza de Ourense, á entrada do festival Morriña Fest, para denunciar a falta de resposta da promotora Bring the Noise ás demandas éticas formuladas pola sociedade civil palestina. A acción marcou o inicio dunha nova fase da campaña contra festivais vencellados ao fondo de investimento KKR, propietario último do Morriña Fest a través da empresa Superstruct.

Nas semanas previas, BDS Galiza intentou establecer contacto coa organización do evento co obxectivo de solicitar unha reunión e presentar os catro principios mínimos impulsados pola coalición palestina liderada polo Comité Nacional Palestino de BDS e a Campaña para o Boicote Académico e Cultural a Israel (PACBI). Segundo indican, non recibiron ningunha resposta por parte da promotora.

O colectivo considera especialmente grave este silencio no contexto actual, marcado pola situación en Palestina, que organismos internacionais como a ONU e o Tribunal Internacional de Xustiza describen como un xenocidio. Lembran que numerosos artistas e festivais xa tomaron posición a este respecto. Entre eles, sinalan a Residente, que cancelou as súas actuacións no FIB e no propio Morriña Fest pola súa vinculación con KKR, fondo que —segundo BDS Galiza— participa en empresas cómplices de crimes de guerra cometidos por Israel. Tamén mencionan a bandas como Califato 3/4, La Élite, Judeline ou Samantha Hudson, que se retiraron doutras edicións de festivais asociados ao mesmo grupo empresarial.

A través desta mobilización, BDS Galiza quixo visibilizar o que considera unha complicidade indirecta do festival co apartheid israelí e reclamar que as iniciativas culturais con financiamento internacional adopten criterios éticos básicos nas súas prácticas e colaboracións.

⚙ Configurar cookies
0.18808913230896