Barral valora a reforma do Vales Villamarín pero esixe máis profesorado e un comedor máis amplo

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, aproveitou a visita ao CEIP Francisco Vales Villamarín do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para reclamar á Xunta que non desatenda as necesidades educativas do centro e dea resposta ás peticións trasladadas pola ANPA e respaldadas polo Concello.
Barral pediu un reforzo urxente de persoal docente de apoio: un mestre ou mestra máis de Educación Primaria, dous profesionais de Pedagoxía Terapéutica e, como mínimo, unha persoa especialista en Audición e Linguaxe, todos eles a xornada completa. A rexedora lembrou que a Consellería está informada desde hai semanas da situación do alumnado que precisa estes apoios específicos.
A alcaldesa subliñou que o Concello seguirá acompañando as reivindicacións da comunidade educativa en Betanzos. Lembrou que xa no seu día o goberno local apoiou no Pleno unha moción para mellorar os centros educativos da cidade e cubrir as carencias de profesorado, unha iniciativa que, apuntou, non contou co respaldo do PP de Betanzos.
Durante o percorrido polas instalacións, Barral valorou positivamente o resultado das obras de mellora acometidas no colexio tras anos de espera, actuacións ás que a Xunta destina preto de 910.000 euros na súa segunda fase de rehabilitación, centrada en melloras de eficiencia enerxética nas fachadas, xanelas, persianas, falsos teitos e iluminación. Segundo lembrou, estes traballos permiten evitar a situación que se temía no Concello, con alumnado de 'primeira e segunda' nun mesmo centro por mor das diferenzas entre edificios.
Con todo, a rexedora advertiu de que segue habendo aspectos mellorables, especialmente no referido ao comedor escolar. Barral cualificou de insuficiente a superficie actual, que obriga a manter dous quendas de xantar e que podería obrigar a un terceiro turno se medra o número de usuarios e usuarias.
'Aínda hai marxe na parcela para levantar un anexo e ampliar o comedor, pero esa opción non se tivo en conta cando se deseñaron as obras, a pesar de que o advertimos no seu momento', reprochou a alcaldesa, que considera que a configuración actual condiciona o futuro do servizo de comedor nun centro ao que acode preto dun milleiro de escolares.
Barral insistiu en que a Xunta debe reaccionar e revisar tanto os recursos humanos como os espazos dispoñibles no Vales Villamarín para garantir unha atención educativa axeitada e acorde ao volume de alumnado, no marco das actuacións que o Goberno galego asegura estar impulsando nos centros de Betanzos.