Banda Bassotti, Sínkope e Koma encabezarán o cartel do Flores Rock 2024

ACoruñaXa
O festival ampliase a dous días e ofrece actividades para toda a familia no Barrio das Flores
Imaxe da presentación do Flores Rock 2024
13 Ago 2024

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou esta mañá o cartel completo do Flores Rock, que terá lugar no Barrio das Flores os días venres 30 e sábado 31 de agosto. Este ano, o festival amplíase a dous días e contará coa participación de grandes nomes do rock, punk, metal e hardcore, destacando bandas como Banda Bassotti, Sínkope e Koma.

Castro destacou a importancia do festival para a cidade, subliñando que “as festas da Coruña van moito máis alá de María Pita e amosan a súa versatilidade con iniciativas como este Flores Rock, unha iniciativa que parte do Barrio das Flores e os seus veciños e que desde o Goberno de Inés Rey apoiamos activamente”. O edil estivo acompañado por David Pujales e Paula Fernández, membros da Plataforma Vecinal Barrio das Flores.

O evento contará tamén coa actuación doutros grupos como Vantroi, Perpetual, Strikeback e Deseqilibrio Mental. Ademais, o sábado 31 de agosto, Scarecrow e Declinare, primeiras clasificadas na batalla de bandas do Flores Rock, ofrecerán un concerto especial.

O festival non se limitará só á música, xa que o sábado tamén se celebrará o Campamento Flores Kids, coas prazas limitadas para nenos e nenas nacidos a partir de 2019. As inscricións poden realizarse en kids.floresrock@gmail.com antes do 25 de agosto. O programa para os máis pequenos incluirá diversas actividades lúdicas e, ás 17.00 horas, actuará A Gramola Gominola.

Durante ambos os días do festival, tamén haberá postos de comida para todos os asistentes. O Flores Rock celebrarase na praza do Sol Nacente e a entrada será de balde.

Horarios

Venres 30 de agosto:

20.30 horas: Deseqilibrio Mental
21.45 horas: Vantroi
23.00 horas: Escuela de Odio
0.15 horas: Banda Bassotti

Sábado 31 de agosto:

13.00 horas: Declinare
14.00 horas: Scarecrow
17.00 horas: A Gramola Gominola
19.10 horas: Strikeback
20.15 horas: Perpetual
21.30 horas: Sínkope
23.15 horas: Koma
1.00 horas: Bestas

 

 

 

0.19518399238586