Balbino sobe ao escenario de Mera nunha nova ollada teatral a Memorias dun neno labrego

ACoruñaXa
O auditorio Gabriel García Márquez acollerá o sábado 11 de abril, ás 20.30 horas, a versión de Contraproducións dirixida por Cándido Pazó, recomendada para maiores de 14 anos
VILARMAIOR memorias neno
8 Apr 2026

A programación cultural de Oleiros levará este sábado 11 de abril ao auditorio Gabriel García Márquez de Mera unha nova versión teatral de Memorias dun neno labrego, a obra emblemática de Xosé Neira Vilas. A función, a cargo de Contraproducións e con dirección de Cándido Pazó, está prevista para as 20.30 horas.

O espectáculo recupera a figura de Balbino, o neno labrego que medra nunha aldea galega marcada polos silencios, o traballo e as desigualdades. A montaxe percorre, a través da súa voz, escenas da vida cotiá nos anos corenta, desde a escola e a familia ata os soños frustrados, a emigración, a dureza do traballo e a sensación de non encaixar nun mundo pouco dado ás preguntas.

A proposta escénica tamén incorpora a dimensión máis emotiva e colectiva da novela, convertendo a memoria persoal do protagonista nun retrato dunha Galicia rural que foi mudando co paso do tempo. Xunto á dureza dalgúns episodios, a obra deixa espazo para o humor, para a relación directa co público e para a evocación dos costumes e celebracións da aldea.

A función está dirixida a público adulto, con recomendación para maiores de 14 anos, e as entradas teñen un prezo de 6 euros. A venda anticipada está habilitada desde o 5 de abril a través da plataforma electrónica e tamén poderán adquirirse no propio auditorio desde unha hora antes do comezo, sempre que haxa localidades dispoñibles.

0.11848306655884