Avia Veira toma o relevo no BNG da Coruña como candidata á Alcaldía

ACoruñaXa
Pontón arroupou este xoves en María Pita a nova cabeza de lista nacionalista, elixida por unanimidade pola asemblea local, nun acto no que a vivenda, os servizos básicos e os barrios marcaron o discurso
A CORUÑA bng avia y ponton
26 Mar 2026

Avia Veira estreouse este xoves 26 de marzo como candidata do BNG á Alcaldía da Coruña no seu primeiro encontro cos medios tras ser designada pola militancia nacionalista. A comparecencia, celebrada en María Pita, contou co respaldo da portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, e coa presenza de Francisco Jorquera, Ignacio Siota, Mercedes Queixas e David Soto.

A concelleira coruñesa chega a este novo papel despois de que a asemblea local do BNG a elixise por unanimidade o mércores 25 de marzo como cabeza de lista para as eleccións municipais de maio de 2027. A súa foi a única candidatura presentada e, ademais, converterase na primeira muller que encabezará a lista do Bloque na cidade.

No acto, Veira puxo o foco nos problemas máis cotiáns da cidade e situou entre as súas prioridades o acceso á vivenda, a mellora da limpeza, o transporte público, a accesibilidade, a mobilidade e a recuperación do pulso dos barrios. Tamén apelou a un Concello máis centrado no funcionamento do día a día, con apoio ao comercio de proximidade, aos mercados, á cultura e ao tecido deportivo.

A presentación serviu tamén para visualizar a sucesión de Francisco Jorquera, que o pasado 11 de marzo anunciou que non repetirá como candidato nas municipais de 2027. Pontón aproveitou o encontro para avalar politicamente a nova candidata e presentar a súa elección como o inicio dunha nova etapa para o BNG na Coruña. Polo momento, queda pendente decidir se Veira asumirá tamén a portavocía do grupo municipal neste último tramo do mandato.

0.15069317817688