Avanzan as obras en Sobre a Igrexa para poñer fin aos desbordamentos en días de choiva

ACoruñaXa
O Concello de Bergondo inviste case 25.000 euros na renovación da rede de pluviais en Guísamo e habilitará unha zona de parada curta xunto á marquesiña da N-VI
BERGONDO obras sobre a igrexia
13 Mar 2026

O Concello de Bergondo vén de iniciar as obras de mellora da rede de pluviais na contorna de Sobre a Igrexa, na parroquia de Guísamo, cunha intervención pensada para resolver os problemas de desbordamento que se viñan repetindo neste punto cada vez que se rexistraban episodios de choiva intensa.

A actuación conta cun orzamento de 24.776,29 euros e permitirá reforzar a drenaxe da zona para evitar que a escorrentía acabe invadindo a plataforma viaria. O proxecto inclúe a execución dun novo colector principal de PVC, a construción de cinco pozos de rexistro e a colocación de nove sumidoiros situados en puntos estratéxicos para mellorar a recollida das augas pluviais. Ao mesmo tempo, anularanse dous sumidoiros pertencentes á rede antiga.

Os traballos non se limitarán á infraestrutura soterrada. O goberno local aproveitará esta actuación para acondicionar as marxes da calzada, pavimentando os bordos do camiño co obxectivo de ampliar o espazo transitable e mellorar a seguridade e a comodidade dos desprazamentos na zona.

Ademais, a intervención incorpora a creación dun espazo específico para a parada de vehículos de curta duración, cun tempo máximo de 15 minutos. Esta nova área pretende facilitar aos veciños a conexión coa parada de autobús situada na estrada nacional N-VI, favorecendo así o intercambio entre distintos medios de transporte. O punto quedará debidamente sinalizado con pintura viaria amarela e sinalización vertical.

Unha vez rematada a instalación das novas canalizacións, o Concello procederá á reposición do firme asfáltico nas zonas afectadas polas obras, completando así unha actuación coa que Bergondo busca dar resposta a unha demanda veciñal e mellorar a funcionalidade deste vial de Guísamo.

0.14213490486145