Avanzan as obras de remodelación da praza Pintor Laxeiro en Elviña

ACoruñaXa
A actuación, financiada con fondos europeos, mellora a accesibilidade e a seguridade da zona
apg_20250210_ALCALDESA_PRAZA_PINTOR_LAXEIRO_005
10 Feb 2025

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou a praza de Pintor Laxeiro, no barrio da Segunda Fase de Elviña, para supervisar as obras de remodelación realizadas no espazo. A intervención, iniciada ao rematar o pasado curso escolar, supuxo unha mellora do pavimento, da accesibilidade e da seguridade na praza, situada xunto ao CEIP Salgado Torres.

Os traballos contaron cun investimento superior aos 400.000 euros, financiados a través dos fondos europeos Next Generation. Entre as actuacións realizadas, destacan a renovación do firme, a ampliación das beirarrúas, a delimitación das zonas de estacionamento e a substitución das redes de saneamento e iluminación pública, facéndoas máis eficientes.

“O noso obxectivo é seguir mellorando e actualizando o espazo público nos barrios, creando contornos de calidade e máis seguros para os nosos veciños e veciñas”, sinalou a alcaldesa durante a visita.

Como parte complementaria do proxecto, o Goberno municipal tamén executou un sendeiro con áreas axardinadas e zonas de xogos infantís no acceso peonil ao CEIP Salgado Torres. “Aproveitamos os espazos públicos anexos ao centro educativo para mellorar o acceso dos nenos e nenas”, destacou Rey.

A alcaldesa estivo acompañada pola concelleira de Mobilidade e Infraestruturas, Noemí Díaz; a concelleira de distrito, Diana Cabanas; representantes da Asociación Veciñal da Segunda Fase de Elviña e veciños da zona.

0.17913579940796