Avanzan as obras de rehabilitación e modernización do mercado municipal de Monte Alto

O Concello da Coruña segue adiante coas obras de rehabilitación e modernización do mercado municipal de Monte Alto, unha intervención que supón un investimento de 10,4 millóns de euros, cofinanciados con fondos europeos. O obxectivo desta remodelación é adaptar a instalación ás necesidades actuais da cidadanía e das persoas usuarias do mercado.
A alcaldesa, Inés Rey, informou de que os traballos xa alcanzaron o 50 % en termos de certificación. Tras a finalización das demolicións e remodelacións dos espazos interiores, recentemente concluíronse as actuacións de impermeabilización e acondicionamento acústico, a pavimentación da praza superior, a instalación das estruturas de aceiro da escola infantil, as obras de fontanería, tabicado e illamento dos locais veciñais, así como a colocación das instalacións contraincendios do aparcadoiro con acceso dende a rúa Forcarei.
Neste sentido, a rexedora, acompañada polos concelleiros José Manuel Lage, Francisco Díaz Gallego e Diana Cabanas, subliñou que a folla de ruta establecida para a finalización das obras segue segundo o previsto, co obxectivo de rematar a actuación a finais deste ano.
Plantación de novas árbores e avances na fachada
Na actualidade, os operarios están a traballar nos exteriores do mercado, onde está prevista a plantación de 17 novas árbores. Ademais, estanse a instalar as carpinterías de aceiro na futura fachada do edificio e a rematar as tarefas de instalación eléctrica tanto na escola infantil como nos locais veciñais. Paralelamente, nos sotos do aparcadoiro, xa se están habilitando os depósitos da instalación contraincendios.
O equipamento dos novos postos do mercado, en fase de fabricación
Mentres continúan as obras no mercado, avanza en fábrica a fabricación das estruturas metálicas dos ascensores e da marquesiña exterior, así como dos equipamentos dos postos do mercado e as portas automáticas dos accesos, como o da rúa Conto. Tamén están en produción as carpinterías de aluminio e o adoquinado da cuberta da escola infantil, actuacións necesarias para completar a construción do edificio.
A alcaldesa destacou que o Concello mantén unha liña de comunicación aberta e constante coas praceiras e praceiros para atender as súa necesidades durante o desenvolvemento das obras, despois do seu traslado ao mercado provisional de Indalecio Prieto.
Rey lembrou que, en xaneiro do ano pasado, a Xunta de Goberno local aprobou a suspensión dos prazos das concesións das persoas comerciantes da praza de Monte Alto ata a finalización das obras de rehabilitación. Deste xeito, o tempo de execución das obras non computará como parte do prazo das concesións en vigor, garantindo así os dereitos das praceiras e praceiros.