Avanzan as obras da escalinata de Adelaida Muro en Monte Alto coa instalación de escaleiras mecánicas
Avanzan a bo ritmo as obras de remodelación da escalinata de Adelaida Muro en Monte Alto, cun investimento de 1,1 millóns de euros por parte do Concello da Coruña. Esta intervención inclúe a instalación de tres treitos de escaleiras mecánicas para mellorar a accesibilidade e salvar o desnivel existente coa rúa Ángel Rebollo. As novas escaleiras estarán cubertas con pranchas de metacrilato para protexer tanto ás persoas usuarias como aos elementos electromecánicos fronte ás inclemencias meteorolóxicas.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, subliñou a importancia desta actuación tanto polo tránsito peonil habitual como polo papel da escalinata como vía de conexión entre as rúas do sector sur de Monte Alto, O Matadoiro e o paseo marítimo. A escalinata, que actualmente conta con medio cento de chanzos con pendentes que van do 3,5 ao 10%, será remodelada para reducir estas pendentes e mellorar o acceso aos sete portais situados ao longo da escalinata.
O plan de traballos comezou recentemente coa demolición do pavimento no sector dereito da escalinata, e continuará coa remodelación integral do corredor central. Esta intervención tamén permitirá reurbanizar a rampla do Matadoiro, grazas á financiación obtida a través da convocatoria de fondos Next.
Ademais, Díaz destacou “o compromiso do Goberno de Inés Rey para seguir actuando en todos os barrios e garantir melloras de accesibilidade que beneficien a toda a veciñanza”.