Avanza en Xuxán a construcción de 40 vivendas de aluguer accesible cun 40 % para menores de 36 anos

ACoruñaXa
O Goberno galego ten previsto desenvolver solo no ámbito de Monte Mero para 4.310 vivendas
avances-xuxan
8 Jul 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou o novo edificio que o Goberno galego está a construír no barrio de Xuxán, na Coruña. O inmoble contará con 40 vivendas distribuídas en cinco plantas, que se adxudicarán en aluguer accesible, “polo menos un 40 % para menores de 36 anos”.

A Xunta investe nesta obra 7,7 millóns de euros, “preto dun 75 % de fondos propios”, e a previsión é que estea rematada no primeiro trimestre de 2026. Allegue anunciou que “a finais deste ano terá lugar o inicio do proceso de adxudicación entre os rexistrados de Rexistro de Demandantes de Galicia, que seleccionasen a Coruña como concello prioritario”.

A titular de Vivenda destacou que a empresa adxudicataria está a usar “un sistema con lousas prefabricadas, que permite construír máis rápido e con todas as garantías de calidade”. Tamén resaltou que “a construción da fachada tamén será industrializada, mediante paneis metálicos que incorporan o illamento requirido para garantir as prestacións de eficiencia enerxética baixo os estándares máis esixentes”.

Allegue lembrou “o compromiso da Xunta coa cidadanía da Coruña, onde xa están en marcha 210 fogares públicos a través da renovación de inmobles do programa Rexurbe, a construción de edificios para 104 vivendas de promoción pública en Xuxán, e as 99 dos solos cedidos polo Concello nos Rosais, Rei Abdullah e Pedro Fernández”.

Por último, afirmou que “no marco da Estratexia Galega de Solo Residencial, o Goberno galego ten previsto desenvolver solo no ámbito de Monte Mero para 4.310 vivendas, o 80% protexidas”.

⚙ Configurar cookies
0.18983101844788