Avanza a remodelación dos Cantóns coa reapertura dunha beirarrúa entre Entrexardíns e o Teatro Colón

As obras de reurbanización dos Cantóns na Coruña continúan segundo os prazos previstos, coa apertura dunha nova beirarrúa que conecta Entrexardíns co Teatro Colón, recentemente ampliada e mellorada. Así o supervisou a alcaldesa, Inés Rey, que destacou que “os traballos neste sector axilizáronse especialmente no treito que vai dende Entrexardíns ao acceso ao Copacabana, para favorecer o desenvolvemento das actividades culturais previstas na contorna ao longo deste verán”.
Unha das novidades máis destacadas deste tramo é a implantación do bordo separador do futuro carril-bici, que discorrerá íntegramente pola beira máis próxima aos xardíns de Méndez Núñez, entre o Teatro Colón e Entrexardíns.
Ademais, as intervencións xa realizadas inclúen a creación dunha nova rede de recollida de augas pluviais e a instalación de novos servizos municipais, como a iluminación e sistemas semafóricos.
En paralelo, os traballos tamén avanzan noutras rúas próximas, como Alcalde Manuel Casás, onde se renovaron as infraestruturas de saneamento e se está a demoler a beirarrúa no lateral de Correos para poñer un novo pavimento de granito. En Ambrosio Feijóo, construíuse unha nova rede de pluviais e está previsto iniciar o pavimento o vindeiro luns, “sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables”, segundo detallou a alcaldesa.
No ámbito dos accesos e saídas dos aparcadoiros, o Concello continúa coa demolición do acceso rodado ao aparcadoiro da avenida da Mariña, inspeccionando tamén o estado da súa estrutura. Tamén se preparan as tarefas para o transplante do metrosidero situado xunto á saída do aparcadoiro dos Cantóns, un exemplar “cheo de simbolismo que seguirá a estar connosco nesta modernización da contorna do Obelisco”. A alcaldesa explicou que “estamos a preparar a árbore para, chegado o momento, trasladala á súa nova localización, xa que onde está plantada actualmente é necesario abrir espazo para habilitar un novo ascensor ao aparcadoiro, ascensor que a día de hoxe non existe e que é necesario para garantir a accesibilidade universal aos sotos do dito aparcadoiro”.
Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, e pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, destacou que esta actuación é “fundamental para gañar espazos públicos de calidade para a cidadanía e, de paso, abrir camiño á integración dos peiraos na cidade”.
Con un orzamento superior a 7 millóns de euros, a reurbanización dos Cantóns, desde a praza de Mina ata a sede da Autoridade Portuaria, é un dos proxectos máis ambiciosos deste mandato, co que o Goberno municipal busca dar pasos firmes para integrar o porto na paisaxe urbana da Coruña.