Avanza a mellora dos parques infantís da Coruña coa renovación do firme de caucho en Vioño

ACoruñaXa
A maiores, xa están adxudicadas as obras de ampliación do parque infantil da praza de Avogacía, en Catro Camiños
imaxe do parque infantil de vioño
13 sep 2024

O Concello da Coruña está a traballar estes días na renovación do firme de caucho do parque infantil de Vioño, onde se está a substituír a superficie de xogo para instalar unha nova, máis segura para as nenas e nenos. Esta mellora ten como obxectivo reforzar a seguridade dos máis pequenos, corrixindo o desgaste e a erosión que o caucho sufriu co paso do tempo e o seu uso intensivo.

Os traballos, que comezaron a principios deste mes, continuarán durante os próximos días e espérase que finalicen a próxima semana, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables. Esta intervención supón un investimento de preto de 40.000 euros e forma parte do Plan Integral de Mellora nos Parques Infantís impulsado polo Goberno municipal de Inés Rey, que busca actualizar e mellorar as áreas de xogo nos barrios da cidade.

No marco deste plan, xa se realizaron actuacións nos parques infantís dos Mariñeiros, Campo da Leña e Sardiñeira, onde se ampliou recentemente a zona de xogos. Ademais, este ano púxose en funcionamento o novo parque infantil dos Pelamios, xunto ao Paseo Marítimo en Orillamar, e licitáronse as obras para a construción dun novo parque infantil e unha pista multideporte na Silva, preto do centro social do barrio.

Tamén están adxudicadas as obras de ampliación do parque infantil da praza da Avogacía, en Catro Camiños, mentres que desde finais de agosto avanzan os traballos de remodelación do parque infantil da praza de San Cristovo, situado a carón da estación intermodal.

0.10838484764099