Augas de Galicia elimina unha vertedura de augas residuais no rego da Loba ao seu paso por Oleiros

ACoruñaXa
O foco da incidencia atopábase na estación de impulsión que dá servizo á urbanización Finca de Xaz
oleiros-lians
19 May 2025

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e do ente público Augas de Galicia, vén de dar por resolto un episodio de vertedura de augas residuais que estaba a afectar ao rego da Loba na parroquia de Liáns, no concello coruñés de Oleiros.

O foco da incidencia atopábase na estación de impulsión que dá servizo á urbanización Finca de Xaz, pertencente ao sistema de saneamento municipal. Técnicos do Programa de Control de Vertidos detectaron os vertidos durante unha campaña de revisión da rede fluvial do municipio, na que constataron a existencia de alivios frecuentes desde esta infraestrutura ao curso do rego.

Durante as inspeccións, nas que tamén participaron representantes do Concello de Oleiros —administración competente en materia de saneamento—, instouse a adoptar medidas urxentes para corrixir os vertidos irregulares. As mostras recollidas no lugar confirmaron a presenza de contaminación de orixe fecal.

Ante as deficiencias identificadas, o Concello executou distintas actuacións de mantemento e mellora na estación de bombeo. Entre elas incluíronse a limpeza da instalación e o incremento da potencia de impulsión, co obxectivo de evitar alivios ao rego en situacións de carga elevada.

Tras a conclusión destas tarefas, Augas de Galicia desprazouse de novo á zona para verificar o estado da infraestrutura e recoller novas mostras. As análises realizadas confirmaron o cese das verteduras e a ausencia de contaminación nos aportes actuais ao rego da Loba.

Esta actuación enmárcase nas labores habituais de vixilancia e control de Augas de Galicia sobre os cursos fluviais da comunidade, co obxectivo de garantir a protección ambiental e a calidade das masas de auga.

⚙ Configurar cookies
0.12999200820923