Augas de Galicia elimina un punto de vertido de augas residuais no río Barcés, en Carral

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, logrou recentemente eliminar un punto de vertido de augas residuais procedente dun edificio que desembocaba nun regato innominado canalizado, afluente do río Barcés, no concello coruñés de Carral. A actuación enmarcouse nos labores rutineiros de inspección da rede fluvial do municipio, desenvolvidos polo Programa de Control de Vertidos do organismo hidráulico.
O vertido consistía nun caudal de augas turbias con cheiros característicos de augas residuais, polo que se procedeu á toma de mostras, que confirmaron unha elevada contaminación de orixe fecal. Nunha inspección posterior á zona, realizada en colaboración con técnicos municipais, identificouse a orixe do problema nunha acometida errónea dun edificio da rúa Rosalía de Castro, que estaba vertendo directamente a este curso de auga natural canalizado.
Tras unha nova visita á zona, o persoal de Augas de Galicia verificou a corrección do vertido, grazas ás obras realizadas para reconducir a acometida das augas residuais do inmoble cara á rede de saneamento municipal. Con esta intervención, púxose fin aos aportes contaminantes ao dominio público, mellorando así a calidade ambiental da rede fluvial de Carral.