Atún blanco, cantautor coruñés: “As plataformas dixitais axudan a que emerxa unha escena musical na Coruña”
A zona da Coruña conta cunha ampla canteira de artistas emerxentes que se deciden a explorar diferentes estilos musicais, como é o caso do xoven coruñés Antón Blanco, coñecido artísticamente como atún blanco. Vén de publicar o seu primeiro single 'lobos de mar' que formará parte do seu primeiro álbum '17' que verá a luz o vindeiro mes de decembro. "Son consciente de que a miña música non é comercial e que non vai chegar a moita xente, pero sinto que é un tipo de música que conecta de verdade", confesa durante unha entrevista a ACoruñaXa.
- Quen é atún blanco?
É o nome do proxecto musical; quería que non fose o meu nome. Primeiro, porque Antón Blanco xa estaba collido por un cantautor maior e, tamén, para poder apartarme un pouco. Agora mesmo son eu só quen fixo o primeiro álbum, pero gustaríame colaborar e ter máis xente na banda. Non quería que o meu nome fose o do proxecto.
- Por que elixiches ese nome?
O nome empezou como unha broma cos meus amigos que me chamaban Antón, Tono e despois Atún, Tuna... Pareceume unha boa opción para quitarlle un pouco de peso ao proxecto. Emprego as minúsculas para quitarlle importancia ao nome e tamén porque, nas miñas libretas, emprego a puntuación e as maiúsculas e minúsculas dun xeito diferente. Cambia o ritmo da miña escritura e da miña expresión.
- Que caracteriza a túa música?
As sinais de identidade son a poética coidada das letras das cancións e a mestura de elementos electrónicos. As miñas pezas teñen unha produción inspirada en artistas como Bon Iver, que mesturan cancións compostas con instrumentos e elementos electrónicos.
- Como comezaches no mundo da música?
Comecei a tocar desde pequeno, aínda que fun a clases, podería dicirse que aprendín de forma autodidacta. Desde os 14 anos, escribo cancións para expresar a miña vida, aínda que tiña a idea de que vivir da música non era viable. Durante moitos anos, toquei a guitarra en diversas bandas e proxectos antes de decidir gravar e producir as miñas propias cancións para compartir o que realmente me representa.
- Que pretendes expresar co teu primeiro single 'lobos de mar'?
Unha cousa que acontece con esta canción (e que se vai escoitar no resto dos temas do meu primer álbum) é que o seu significado non pode ser expresado con narrativa racional porque son máis ben como soños, unha serie de símbolos e flashes. Non quero dicir que sexa incoherente ou un popurrí, pero é un pouco máis onírico e irracional. 'lobos de mar' para min trata sobre a emancipación, non só da familia e dos pais, senón tamén dos bloqueos persoais e do peso emocional que cargamos. Trata sobre a sensación de querer romper con todo iso de golpe, pero tamén sobre aceptar que acontece pouco a pouco, seguindo os ciclos vitais ao seu propio ritmo.
- Que importancia ten nel o mar?
O mar, como protagonista ou símbolo, ten moita relación co que aprendín mirando cara ao meu interior a través dos ciclos externos como as mareas, as ondas e o tempo na beira.
- Que che inspira á hora de facer música?
Sempre digo que podería facer unha canción agora mesmo, pero prefiro cando entra en xogo o subconsciente e non lembras que a fixeches. É coma se non a escribises ti, senón que a canción ocorre e ti es a canle. As cancións do meu próximo álbum, que fun escribindo nos últimos 3 ou 4 anos, son moi subxectivas pero tamén universais, tratando temas existenciais, relacionais e ás veces un pouco políticos.
- Gravaches a canción na praia de Bastiagueiro?
Gravei o disco no meu apartamento en Bastiagueiro, xusto en fronte da praia. Tamén filmei sesións en directo na praia e en diversos lugares ao aire libre por Bastiagueiro e Santa Cruz.
-A zona da Coruña inspírate para compoñer?
Si, cada vez máis sinto que son de aquí, do norte, dos invernos fríos e de estar preto do mar. Aínda que poida desfrutar da música doutras zonas de España, como a andaluza, non conecta comigo, non é a miña identidade. A música non nace no baleiro, senón nun contexto, e estar nestas praias e preto do mar afecta a como nos expresamos.
- Como é o teu proceso creativo?
Cada canción é diferente, pero normalmente teño unha frase que se me ocorre nalgún momento ou lendo, e apúntoa. Sempre teño libretas con notas e frases escritas. As veces, xogando co piano ou coa guitarra, teño ideas que poden estar desconectadas durante anos. De súpeto, escribo unha canción de golpe, combinando esas notas e ideas antigas. É un proceso lento de cultivo, seguido dunha eclosión rápida. No caso de 'lobos de mar', escribín a canción de golpe a finais de 2021, e a versión final, aínda que con máis produción, mantén a esencia do proceso creativo inicial, que foi case inconsciente e moi rápido.
- 'lobos de mar' é un primeiro adianto do teu próximo álbum debut '17' que verá a luz a finais deste ano. Que podemos esperar del?
É raro porque agora estou a facer cancións dun xeito diferente. '17' é unha colección de cancións antigas destes anos que non quería botar ao lixo. Quería comezar o proxecto de Atún Blanco coa publicación destas cancións. Creo que seguen unha liña na que funcionan como un álbum pensado para escoitar en privado. Tamén teñen unha produción detallada e chea de texturas; penso que se lles gustan, poderedes escoitalas durante moito tempo, descubrindo novos detalles. O álbum será lanzado en decembro, e antes dese mes, haberá polo menos tres singles máis antes de revelar as 17 cancións xuntas.
- Que esperas do teu futuro na música?
Espero seguir crecendo e atopar o meu lugar no mundo da música. Agora estou a facer música máis bailable. Son consciente de que a miña música non é comercial e non vai chegar a moita xente, pero sinto que é un tipo de música que conecta de verdade. Tamén teño moitas ganas de colaborar con outros artistas porque a viaxe do primeiro disco foi moi solitaria, un proceso moi gratificante, pero moi solitario. Quero colaborar o máximo posible con todos os músicos coruñeses que admiro e que son os meus amigos.
- Como ves o panorama a nivel galego de artistas que están comezando?
No último ano, teño asistido a todos os concertos de artistas emerxentes que podo na zona da Coruña. Con 26 anos, sinto que a xeración anterior de músicos na cidade non tiña moita cohesión na súa escena local. Agora, grazas ás plataformas dixitais, parece que está a emerxer unha verdadeira escena musical na Coruña. Podo escoitar urban, jazz no Filloa ou punk, mostrando unha variedade musical que antes non era tan evidente. Estou contento de ver como bandas locais como Cancela Liste e Candy’s Freckles están a contribuír a esta nova escena musical coruñesa.