Atraso nas obras do paso baixo a vía do tren en Oza dos Ríos (AC-840), con críticas do BNG pola falta de prazos

A obra de mellora da seguridade viaria na AC-840, ao seu paso por Oza dos Ríos, acumula un novo atraso. O proxecto no paso inferior baixo a vía férrea, onde a calzada estreita impide beirarrúas e obriga á convivencia de peóns e vehículos, segue sen iniciarse malia estar adxudicado desde 2023.
A portavoz municipal, Estefanía Busto (BNG), advirte dun perigo diario para a veciñanza: “Non é unha obra menor que poida seguir adiándose indefinidamente”. O bloque critica a falta de coordinación institucional. Segundo lembra, en xullo a Xunta atribuíu a demora á autorización pendente de ADIF; e en setembro o Goberno do Estado respondeu que o expediente seguía aberto por falta de documentación da Axencia Galega de Infraestruturas, en particular o informe “AsBo” de análise de riscos.
“É un xogo de ping-pong administrativo mentres Oza-Cesuras continúa sen ver unha obra que debería estar rematada na primavera de 2024”, sostén Busto, que esixe prazos e responsabilidades claras. O BNG vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego e no Congreso para obrigar ambas administracións a dar conta das actuacións e desbloquear a intervención “con carácter inmediato”.