Atlantic Pride 2025 acolle a Agoraphobia, Rivadulla e DJ Licho na Praza de Pontevedra

ACoruñaXa
O cartel desta terceira sesión do festival coruñés estará protagonizado por propostas de forte identidade
ATLANTIC
8 Jul 2025

O Atlantic Pride continúa este martes 8 de xullo cunha potente xornada musical na Praza de Pontevedra, marcada polo talento galego e os sons máis actuais. O cartel desta terceira sesión do festival coruñés estará protagonizado por dúas propostas de forte identidade: Rivadulla e Agoraphobia, ademais das sesións de DJ Licho, encargado de abrir e pechar a noite.

A música comezará ás 20.00 horas cos pratos de DJ Licho, que traerá de volta os grandes himnos das divas do pop internacional máis bailable. Ás 21.00 horas será a quenda de Rivadulla, artista coruñés que leva o seu barrio de Monte Alto por bandeira e que presentará os temas do seu primeiro disco, El menú (2024). As súas cancións, que mesturan pop dos 2000, electrónica, indie e trap, están cargadas de emoción e furia existencial, nun estilo que el mesmo define como “parkineo marika”.

Ás 22.30 horas, a intensidade de Agoraphobia tomará o escenario coa súa proposta de rock alternativo. A banda de Boiro, que leva máis dunha década sobre os escenarios nacionais e internacionais, chega ao Atlantic Pride cun dos seus directos cargados de forza e emoción, no que presentarán Eyes Never Lie, o primeiro adianto do seu novo álbum. Un tema que, en palabras da propia banda, é “un grito contido entre o medo e o desexo de arriscar de novo”.

A xornada pecharase ás 23.30 horas cunha nova sesión de DJ Licho, convertendo a Praza de Pontevedra nun gran escenario de diversidade, orgullo e baile.

O Atlantic Pride reafírmase así como o gran evento LGTBIQ+ do norte, ofrecendo unha programación que conxuga talento galego, mensaxes comprometidas e moita música para celebrar a diversidade.

⚙ Configurar cookies
0.17269396781921