ASPACE Coruña reivindica no Día Mundial da Parálise Cerebral unha estratexia estatal para persoas con grandes necesidades de apoio

ACoruñaXa
A petición fíxose pública durante o acto celebrado en Sada con motivo do Día Mundial da Parálise Cerebral, enmarcado na campaña nacional 'Ya Toca'
SADA dia mundial paralisis
8 Oct 2025

A xornada incluiu a lectura pública dun manifesto e unha grande timbrada colectiva para visibilizar as reivindicacións. Ao acto acudiron o alcalde de Sada, Benito Portela, a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, representantes de Aspadisol e alumnado do colexio de Sada, que participaron activamente nas actividades de sensibilización.

No manifesto, ASPACE Coruña lembra que arredor do 80 % das persoas con parálise cerebral precisan apoios as 24 horas do día os 365 días do ano. Ante esa realidade a asociación solicita o recoñecemento explícito destas necesidades e a garantía de servizos especializados en todas as etapas da vida, desde a atención temperá até a idade adulta e o envellecemento.

Entre as demandas prioritarias figuran unha financiación pública suficiente, estable e sostida no tempo que evite interruptcións nos apoios e reduza as desigualdades territoriais; a ampliación de prazas en todas as modalidades de centros e servizos; e a extensión da atención temperá especializada máis aló dos seis anos.

ASPACE Coruña reclama tamén o desenvolvemento de políticas que impulsen a figura da asistencia persoal e o reforzo do acompañamento ás familias, moitas das cales soportan cargas que lles obrigan a renunciar á súa actividade laboral. A asociación solicita, ademais, máis prazas residenciais compatibles coa posibilidade de traballar e coa existencia de asistentes persoais.

A entidade súmase así ás reivindicacións do movemento ASPACE en toda España e fai un chamamento urxente ás administracións para que adopten medidas concretas e comprometidas que garantan dereitos, calidade de vida e autonomía para as persoas con parálise cerebral e as súas familias.

⚙ Configurar cookies
0.070132970809937