ASPACE Coruña incorpora en Sada o exoesqueleto pediátrico 'ATLAS 2030' para reforzar a rehabilitación infantil

ACoruñaXa
A entidade convértese na primeira organización social da provincia en sumar esta tecnoloxía, que permite poñerse en pé e camiñar a nenos e nenas con parálise cerebral ou doenzas neuromusculares
SADA exoesqueleto aspace
11 Feb 2026

ASPACE Coruña presentou en Sada a incorporación do exoesqueleto pediátrico 'ATLAS 2030' ao seu servizo de rehabilitación infantil, converténdose na primeira entidade social da provincia da Coruña en contar con este dispositivo. Trátase dunha ferramenta robótica deseñada para apoiar o tratamento terapéutico de nenos e nenas con parálise cerebral e outras enfermidades neuromusculares, ao adaptarse ao corpo e reproducir o funcionamento do músculo para facilitar a bipedestación e a marcha en menores que, doutra maneira, non poderían facelo.

A presidenta de ASPACE Coruña, Ma Carmen Barreiro, e o xerente, Ricardo Iglesias, encadraron a chegada do exoesqueleto nun proxecto de innovación máis amplo orientado a mellorar a atención rehabilitadora. O equipamento foi adquirido en 2024 e, desde entón, a asociación centrouse na formación do seu persoal e na realización de sesións con alumnado do Centro Educativo para avaliar a súa eficacia no día a día terapéutico.

O dispositivo intégrase co Servizo de Atención Temperá da entidade, que inclúe fisioterapia e logopedia, e que permanece aberto a persoas que o poidan precisar. ASPACE Coruña sinala tamén a vontade de dar a coñecer este recurso para que poida beneficiar a máis familias, apuntando que a derivación de casos desde o Sergas podería contribuír a aliviar a saturación en Atención Temperá e a mellorar a resposta ás necesidades existentes.

A presentación incluíu unha demostración práctica co alumno Darío, que permitiu ver o funcionamento do exoesqueleto. No acto participaron, entre outras autoridades e representantes institucionais, a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; a deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García; o alcalde de Sada, Benito Portela; así como responsables autonómicos das áreas de Discapacidade e Innovación. Portela puxo en valor a traxectoria de ASPACE no municipio e o impacto que teñen iniciativas deste tipo na calidade de vida das persoas usuarias e das súas familias.

O 'ATLAS 2030', desenvolvido por Marsi Bionics, está composto por oito articulacións activas e permite camiñar cara adiante e cara atrás, en modo pasivo ou activo. Ademais da marcha, a entidade destaca beneficios como o apoio á forza muscular e respiratoria, a mellora do ton e a prevención ou atraso de complicacións osteoarticulares (como escoliose, osteoporose ou contracturas). O seu uso está dirixido a menores cun peso máximo de 35 quilos e unha altura de até 130 centímetros, tras unha valoración previa do equipo de fisioterapia que determina número e intensidade das sesións.

⚙ Configurar cookies
0.080190896987915