ASPACE Coruña celebra unha emotiva xornada de convivencia con preto de 300 persoas

ACoruñaXa
Un dos momentos máis significativos do día foi a homenaxe ás familias que levan 25 anos vinculadas á asociación
aspace-corunha
9 Jun 2025

Preto de 300 persoas entre familias, usuarios e usuarias con parálise cerebral e persoal profesional de ASPACE Coruña participaron o pasado venres na II Xornada de Convivencia con Familias, un encontro marcado pola emoción, a unión e a forza do movemento asociativo.

Durante a xornada, as familias dos distintos centros da entidade –Centro Educativo, Centro de Día e Centro Residencial– compartiron unha comida ao aire libre, desfrutando dun ambiente relaxado e cheo de momentos especiais.

Un dos momentos máis significativos do día foi a homenaxe que a Xunta Directiva, presidida por María Carmen Barreiro e acompañada polo xerente Ricardo Iglesias, rendeu ás familias que levan 25 anos vinculadas de forma ininterrompida á asociación. Como recoñecemento, entregóuselles unha figura elaborada no obradoiro artístico da entidade por persoas con parálise cerebral.

A celebración continuou cunha actuación musical do dúo D’Vicio, que animou aos asistentes a bailar e gozar dunha tarde festiva. O evento converteuse nunha mostra do espírito de comunidade que define a ASPACE Coruña e do compromiso mutuo entre familias, profesionais e persoas usuarias.

⚙ Configurar cookies
0.17033696174622