ASPACE Coruña alerta dun posible fraude a domicilio en nome da entidade

ACoruñaXa
A asociación traslada que unha persoa estaría a facerse pasar por representante da entidade para pedir cartos
As Mosqueteiras - Aspace Coruña
23 May 2025

A asociación ASPACE Coruña vén de denunciar publicamente un posible caso de fraude no que unha persoa estaría a facerse pasar por representante da entidade para pedir cartos polos domicilios, supostamente en beneficio das persoas con parálise cerebral que atende a organización.

Segundo a información recibida, trátase dun home maior cun “problema nun ollo” que está a percorrer casas na zona de Monte Alto, na cidade da Coruña, solicitando doazóns económicas en nome de ASPACE Coruña. Polo momento, descoñécese se esta persoa está actuando noutros barrios da cidade.

Desde a asociación aclaran que non teñen a ningunha persoa —nin traballadores/as asalariados/as nin voluntarios/as— realizando peticións económicas a pé de rúa ou porta por porta. Todas as colaboracións con ASPACE Coruña realízanse exclusivamente a través de transferencia ou domiciliación bancaria, canles seguras e verificables.

Con preto de 50 anos de traballo en favor das persoas con parálise cerebral e as súas familias, ASPACE Coruña denuncia esta práctica fraudulenta que considera “un engano que non representa en absoluto os valores da entidade”. A organización manifesta o seu rexeitamento firme a este tipo de accións que se aproveitan da solidariedade da cidadanía e da situación de vulnerabilidade das persoas ás que presta apoio.

A entidade agradece especialmente á veciña que puxo os feitos en coñecemento da asociación e fai un chamamento á cidadanía para que estea atenta e non colabore con quen solicite diñeiro en nome de ASPACE sen identificación oficial nin canles verificables.

⚙ Configurar cookies
0.15778493881226