ASPACE Coruña alerta dun novo intento de estafa usando o nome da entidade porta a porta

ACoruñaXa
A asociación advirte de que non ten a ningunha persoa solicitando cartos polas vivendas e pide á veciñanza que denuncie ante as autoridades se se atopa con esta situación
aspace-coruña-talentos-inclusivos-2025-europa
11 Apr 2026

ASPACE Coruña volveu lanzar unha advertencia pública tras recibir esta semana o aviso dunha veciña da cidade que asegurou que un home segue acudindo ás casas pedindo diñeiro en nome da entidade. Segundo trasladou a asociación, trátase dunha situación xa detectada hai alrededor un ano e que agora, lonxe de desaparecer, volvería repetirse.

De acordo co comunicado difundido por ASPACE Coruña, o home preséntase como representante da asociación e solicita achegas económicas supostamente destinadas ás persoas con parálise cerebral ás que atende a entidade. A veciña que deu a voz de alarma describiuno como unha persoa maior e apuntou, ademais, que ten 'un problema nun ollo'.

A asociación quixo deixar claro que non realiza recadación de fondos porta a porta nin conta con persoal contratado nin con voluntariado percorrendo os domicilios para pedir diñeiro. A colaboración económica coa entidade, segundo lembra, faise unicamente a través de transferencia ou domiciliación bancaria.

Desde ASPACE Coruña animan ás persoas que se visen afectadas ou que detecten un caso semellante a presentar a correspondente denuncia ante as autoridades. A entidade, con preto de 50 anos de traxectoria de apoio ás persoas con parálise cerebral e ás súas familias, expresa tamén a súa condena a unhas prácticas que considera alleas aos seus valores e que, ademais, se aproveitan da solidariedade cidadá e da situación de vulnerabilidade do colectivo ao que atende.

Co seu comunicado, a asociación busca evitar novos enganos e pide á cidadanía que extreme as precaucións ante calquera petición económica feita no seu nome fóra das canles oficiais.

0.13363599777222