Asociacións da Coruña descobren o potencial do Coruña Estudo Inmersivo (CEI)

ACoruñaXa
Durante o encontro, as persoas asistentes puideron comprobar o funcionamento do maior plató virtual de España
deputacion
8 Apr 2025

Máis dun centenar de representantes de 34 asociacións veciñais da Coruña tiveron a oportunidade de coñecer de preto as instalacións do Coruña Estudo Inmersivo (CEI), un espazo pioneiro impulsado pola Deputación da Coruña que abre unha nova etapa para o sector audiovisual galego. A visita guiada, encabezada polo presidente provincial, Valentín González Formoso, serviu para achegar á veciñanza a tecnoloxía de vangarda dun proxecto chamado a converter a cidade nun referente europeo da produción virtual.

Durante o encontro, as persoas asistentes puideron comprobar o funcionamento do maior plató virtual de España e coñecer de primeira man como esta infraestrutura pode contribuír ao desenvolvemento económico da área, á xeración de emprego especializado e á proxección internacional da cidade.

“O CEI supón un revulsivo nun sector no que Galicia xa somos unha potencia nacional. Con él multiplicamos as posibilidades do sector e aspiramos a situar á cidade como un hub audiovisual de referencia en Europa”, sinalou Formoso, quen destacou que o centro acollerá rodaxes e producións de cinema, televisión e publicidade procedentes de toda España e do estranxeiro.

A xestión do CEI correrá a cargo de Pedralonga Estudios, unha alianza de dez empresas galegas punteiras do sector audiovisual, nun exemplo de colaboración público-privada orientada á excelencia, á innovación e á internacionalización. “A unión fai a forza, e este proxecto demostra que un sector unido será aínda máis potente e competitivo”, apuntou o presidente.

O espazo, de 2.000 metros cadrados, incorpora 758 paneis LED 4K que permiten crear escenarios envolventes e hiperrealistas, reproducindo calquera localización real ou imaxinaria sen saír do estudio. Un deserto, unha cidade futurista ou unha posta de sol en Fisterra poden ser recreados con absoluta precisión.

Financiado con 9 millóns de euros da Deputación e dos fondos Next Generation EU, o CEI é unha aposta estratéxica pola modernización do audiovisual galego, que representa máis do 30 % da actividade cultural en Galicia e mantén máis de 4.500 empregos.

A visita forma parte dunha serie de xornadas abertas que buscan achegar esta infraestrutura a centros educativos, profesionais e colectivos sociais, favorecendo a conexión entre o talento local e as novas tecnoloxías do sector.

⚙ Configurar cookies
0.16092610359192