Asínase a paz entre castrexos e romanos na VII Galaicoi
Tras tres días de loita entre castrexos e romanos, os dous bandos enfrontados na VII Galaicoi decidiron depoñer as armas e selar un acordo de paz. Tras disputar a batalla final, os xefes de ambos os clans acordaron asinar a Tessera Hospitalis como mostra da paz que reinará en Cambre ata, polo menos, o próximo ano. O acordo chegou tras unha encarnizada contenda final na zona do castro na que os guerreiros de ambas as faccións deixáronse a pel.
Este acto foi o broche de ouro do programa da sétima Galaicoi, na que o Concello asinou un auténtico éxito en cifras de asistencia ao longo das tres xornadas. A programación deste ano incluíu un concerto a cargo do grupo Pelepau, representacións teatrais por parte da compañía Noite Bohemia, recreacións de batallas, showcookings de pratos típicos da época, desfiles, talleres de oficios tradicionais e mercado con preto de 50 postos.
A VII Galaicoi contou, ademais, cunha ampla representación por parte do tecido asociativo. Foron máis de 20 as asociacións veciñais, culturais e deportivas de Cambre que ocuparon as cabanas castrexas. As entidades avivaron a cita ao longo de toda a fin de semana, facendo comidas, bailes e tocando música. É dicir, convertendo o castro nunha romaría tradicional.
O concelleiro da Axencia de Desenvolvemento Socioeconómico, Turismo e Patrimonio, Ramón Boga, incidiu en que o gran ambiente da fin de semana deixa claro que a Galaicoi é “unha cita cun gran arraigamento para a veciñanza”. Boga apunta que, ademais do valor histórico e a posta en valor do patrimonio, “a Galaicoi é unha romaría que reúne a un cada vez máis veciños e veciñas de todo ou municipio que se unen para lembrar a historia de Cambre e, sobre todo, para pasalo ben”.