Así se vive o Entroido de Samede: Bonitos, Vixigueiros e Carolos, tradición e sentimento

ACoruñaXa
Falamos con Emilia Cagiao Sánchez, presidenta da asociación Entroido de Samede: "Eu son moi entroideira e cando vou de espectadora, férveme o sangue!"
Bonitas-vs-Vixigueiros-samede
23 Feb 2025

Por Amanda Fernández

No Concello de Paderne, na parroquia de San Xulián de Vigo e concretamente na aldea de Samede poden presumir de ter único Entroido tradicional que se conserva no territorio da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas . “O Entroido de Samede diferenciábase doutros porque tiña unha danza, a Muiñeira cruzada que só se bailaba o luns de Entroido”, recoñece Emilia Cagiao Sánchez, presidenta da asociación Entroido de Samede.

Conta que esta Muiñeira cruzada só se bailaba ese luns en todo o ano e os danzantes eran mozos e mozas solteiras como nun rito de paso á idade adulta. “Estaban xa considerados en idade de casar e había que ter de 10 a 12 parellas como mínimo para que lucira o baile”, lembra.

Neste Entroido son as máscaras as que bailan, os danzantes, contrariamente a outros entroidos nos que son persoas as que portan as máscaras. Expón Emilia que ademais dos danzantes ou Bonitos tamén están os chamados Vixigueiros porque levaban as vexigas”. O cometido destes personaxes é sacar a atención da xente sobre as máscaras atraendo e facendo rir ao público. “Existía unha rivalidade entre os Vixigueiros, que facían falcatruadas, e os Bonitos que bailaban”, di.

"Incluso se paralizaba a actividade agrícola e lles daban de seco ás vacas para non ter que ir á herba"

AS ORIXES DO ENTROIDO DE SAMEDE

Datan as referencias deste Entroido de Samede dende antes da Guerra Civil: “Había unha casa da aldea que tiña dous traxes de máscaras de danzantes”. Porén, foi durante o período bélico cando se paralizou e se recuperou no 1940. Como moitos entroidos, este tamén deu os que semellaban os últimos compases aló polos anos 60. Conta Emilia que foi no 2015 cando decidiron recuperalo e adaptalo aos tempos que corren: “Eles facían 4 días de festa, dende o domingo ata o mércores, paralizábase toda a aldea, pero agora non dispoñemos dese tempo e concentrámolo todo no domingo de piñata”.

Tal era o afán polo Entroido na aldea de Samede en tempos pasados que "contan os maiores que incluso se paralizaba a actividade agrícola e lles daban de seco ás vacas para non ter que ir á herba". Xa na actualidade o día grande é o domingo de Piñata, que este ano cae o 9 de marzo, para así non coincidir con outros entroidos e “xa fóra do máis gordo”.

O DOMINGO DE PIÑATA E AS SÚAS PECULIARIDADES

O 9 de marzo é unha data sinalada no calendario das persoas da aldea de Samede e arredores porque celebran o seu domingo de Piñata e sacan a súa vea máis entroideira. A xornada comeza ás 12.00 horas da mañá cando se xuntan, como antigamente, na capela da aldea para facer un percorrido ata chegar ao campo da festa.

“Se baila a día de hoxe a muiñeira cruzada igual que o facían antaño, vaise por todas a casas da aldea e bailase o punto das airas. É xa no campo da festa onde remata o percorrido e se baila como tal a Muiñeira cruzada”, explica Emilia. Porén, antes diso, os máis pequenos da aldea danzan unha “muñeiriña cruzadiña” e son preto de 10 ou 12 parellas de nenos e nenas. Xa dos adultos este ano danzan 17 parellas que se traduce en 34 persoas no momento máis agardado.

Logo de percorrer a aldea e danzar tanto tocará encher o bandullo e contarán cun xantar a base de churrasco ao que aínda se poden apuntar antes do día 5 de marzo. E xa pola tarde, a iso das 16.30 horas toca vivir o Enterro de Policarpio: “Este é un meco que colgamos na aldea un mes antes do Entroido, o 9 de febreiro, para que todos os viandantes saiban que hai Entroido en Samede”. Unha vez enterren a Policarpio a modo de obra de teatro, a xente pode traer os seus instrumentos para unha gran foliada onde bailar ata que doian os pés e despedir a celebración ata o ano que vén.

Semella ser este Entroido moi da xente da aldea, pero o envellecemento e despoboamento son dúas realidades vixentes: “Vén moita xente de fóra a participar, de feito, a maioría dos danzantes xa que na nosa aldea queda pouca xente moza. Sempre digo que o noso Entroido semella unha ONG porque vén xente doutras aldeas e vilas da contorna, de Ferrol, Santa Comba, A Coruña, Sada... Pola unión de toda a xente é que podemos manter vivo este Entroido de Samede, senón sería imposible”.

E o máis importante, semella ter relevo, recoñece a presidenta que por primeira vez detectaron que os nenos e nenas que veñen doutras aldeas do Concello de Paderne se senten parte do Entroido. “Era o máis difícil de acadar, imos no bo camiño”, afirma con ledicia.

QUEN É QUEN? A INDUMENTARIA DE CADA PERSONAXE

Cales son as personaxes deste Entroido de Samede? E como visten? Emilia describe os principais elementos. Os danzantes homes levan pantalón e camisa branca, unha faixa que lles tapa a cadeira, ancha e con pompóns. A camisa leva cintas de cores con flores e os sombreiros van ornamentos tamén con plumas e cintas de cores que lles chegan ata os xeonllos. Ademais levan unhas castañolas típicas da aldea, son máis pequenas do normal e hai algunha que data do 1800.

As mulleres danzantes levan mantón de manila, aínda que a maioría leva un mantón máis corrente. Logo a saia é a do baile galego en cor vermella, granate ou incluso azul... Portan o mandil, o mantón e un sombreiro característico cheo de plumas e cintas longas de cores.

"Animo a que veñan, se poden, vir vestidos con roupa do faiado e sintan a esencia do Entroido"

Dentro das máscaras vai unha parella, denominados os  Carolos, van totalmente de branco e levan cara tapada: “Levan o traxe primixenio de calquera entroido, non só do noso, cando a xente levaba a roupa que había na casa, de liño ou así, non tiña cor, cando comezan a aparecer elementos novos, mantón de manila, saia vermella, diferenciarse os máis ricos dos máis pobre, por seguir levando esas teas de liño”. Chámanse ‘carolos’ facendo referencia a “cando quitas o gran de millo dunha espiga e queda sen nada, banco”. Levan a cara tapada para non se recoñecidos, xa que era unha vergoña ir así. Iso si, hoxe en día é todo un privilexio velos vestidos con liño e colares de gran de millo.

Os Vixigueiros non teñen nin unha máscara nin un traxe concreto, van vestidos co que atopan pola casa e teñen o cometido principal de facer rir á xente e sacarlle xente aos Bonitos. E non falta neste Entroido a figura do oso, pero sen domador neste caso.

Emilia ten unha mensaxe final para quen aínda non coñece e non viviu nunca este Entroido de Samede: “Animo a que veñan, se poden, vir vestidos con roupa do faiado e que sintan a esencia do Entroido. Non veñas só a mirar, empápate e entra dentro da cultura entroideira e sinte a emoción. Eu son moi entroideira e cando vou de espectadora, férveme o sangue!”.

⚙ Configurar cookies
0.085340976715088