Así quedará o barrio de vivenda protexida en A Penouqueira

A proposta da Xunta para A Baiuca–Penouqueira condensa 160 vivendas protexidas en tres edificios asentados na parte máis baixa do monte, con fronte á Travesía da Coruña. Os volumes, de catro alturas (B+3) e cuberta plana, dispóñense escalonados para adaptarse á pendente e xerar espazos comúns en laterais, traseiras e interiores. As vivendas de planta baixa disporán de xardín privativo.
Co obxectivo de coser o ámbito á malla urbana, o borrador incorpora unha ligazón exterior cara a Párroco José Abelenda e ao contorno de Morás, mellorando a relación co polígono empresarial e os accesos á AG-55 e á A-6. Os principais accesos resolveranse polas avenidas Penouqueira e Galicia, que verán ampliada a súa sección para acomodar tránsito peonil e rodado.
O deseño viario simplifícase: suprímense varios dos camiños interiores abertos nos anos setenta no frustrado intento de urbanización do monte e mantense a Travesía de Pontevedra como perimetral secundaria no leste. O acceso aos portais farase pola Travesía da Coruña, situada na cota inferior, e a Avenida de Galicia gañará anchura, o que obrigará a retirar peches e edificacións en mal estado.
A ordenación reserva 1.861 m² para un equipamento público aínda por definir, situado no oeste do sector, en contacto directo coa cidade consolidada. As zonas verdes distribúense en dúas pezas principais: 4.706 m² na ladeira de maior pendente, por detrás dos edificios, e 8.528 m² ao sur, nun terreo máis amábel pensado para percorridos e estadía.
En conxunto, o IGVS aposta por un encaixe urbano máis compacto e accesible, que combina vivenda a prezo protexido con espazo público verde e conexións peonís melloradas, co fin de integrar A Penouqueira na vida cotiá de A Baiuca e responder á demanda residencial do municipio.