Así é o Club Escola Xadrez Culleredo: "Diante dun taboleiro de xadrez todos somos exactamente iguais"

Por Amanda Fernández
O Club Escola Xadrez Culleredo continúa a súa traxectoria como referente do xadrez inclusivo e formativo cunha nova edición do seu torneo máis pausado e reflexivo: o Torneo Xadrez Amodiño. Esta segunda edición celebrarase os días 7 e 8 de xuño de 2025 e reunirá xogadores de todos os niveis, desde mestres internacionais ata persoas que se inician neste apaixonante deporte.
Este torneo representa á perfección a filosofía deste club que coñeceremos mellor da man de José Francisco Fernández Núñez, secretario da entidade.
Cando e como xurdiu o Club Escola Xadrez Culleredo?
O club foi unha iniciativa de quen hoxe segue sendo o presidente, José Antonio Ferreño, todo o mérito é seu e quero resaltar especialmente o seu nome. Foi o impulsor no seu momento. Xubilouse e gustáballe moito o xadrez e resulta que nos coñecemos casualmente nun pequeno torneo que se fixo en Vilaboa, unha vila de Culleredo. A partir de aí, eu tamén tiña previsto retirarme e así falando saíu a posibilidade de formar un club.
A orientación inicial era para xente coma nós que formos afeccionados na infancia e na xuventude, pero que pola vida, traballo ou familia, deixaramos esa afección un pouco en segundo plano. Era unha forma de buscar unha maneira de xogar entre nós sen ter que ser nun bar, por ser sitios con moito ruído e o xadrez require silencio. O xogo é lento e estas nun sitio que non deixa de ser un negocio, se lles ocupar unha mesa tres horas, tamén te sentes obrigado a consumir. Eu, por exemplo que tomo café, imaxina se me teño que tomar catro ou cinco cafés...
En xaneiro de 2023, conseguimos xuntar as cinco persoas necesarias para crear un club deportivo sen ánimo de lucro. A partir de aí, o esforzo de Ferreño foi tremendo, falou co Concello para que cedesen o uso dalgunha instalación municipal. Ningún de nós ten relación con ningún partido político nin nada, comentóuselle a idea ao alcalde, ao que lle gustou e cedeu o uso dunha galería de Villa Melania, unha casa indiana rehabilitada. O sitio é precioso, é o sitio perfecto para xogar ao xadrez.
A continuación, fixemos carteis para buscar socios, decidimos poñer a cota o máis baixa posible sempre, federarse naquel tempo como xogador independente custaba sobre 45 euros. Decidimos dar como cota do primeiro ano 30 euros, que incluía a ficha federativa e as actividades do club. Comezamos conseguindo o material, primeiros taboleiros, pezas, e reloxos e entón comezaron a chegar os socios. A sorpresa que non agardabamos é que foi un “exitazo”.
Cal é a oferta do club a nivel formativo?
Isto foi un éxito que non agardaba ninguén. A dia de hoxe temos un programa de formación que inclúe clase de iniciación os sábados pola mañá, clases de nivel medio tamén os sábados pola maña e clases de nivel avanzado cun mestre da federación internacional martes e mércores; e o os venres unha iniciativa de balde, coa parte social do club.
Creamos un programa os venres de 18.00 a 20.00 horas. Unha actividade de balde sen ser socios, orientado a mulleres adultas, porque descubrimos que lles daba un pouco de vergonza ir a clase cos nenos. Queriamos potenciar iso e aínda a mantemos a día de hoxe e converteuse nun dos grandes éxitos do club. A cousa comezou polas mulleres e agora xa son adultos, maioritariamente mulleres, pero aberto a calquera persoa que teña curiosidade. Iso en canto á formación formal, logo ofertamos obradoiros gratuítos en asociacións sociais ou en colexios para achegar o xadrez aos nenos.
Con cantos socios/as conta o club?
Agora mesmo xa pasamos de 100 socios activos. Se ben é certo que estamos xa por riba de 120 fichas federativas. O perfil maioritario é de homes de mediana idade. Logo, nenos e nenas de entre 6 e 14 anos son sobre 50. E xa despois, mulleres poucas, xa que debe haber como 12.

A que se debe a pouca presenza feminina no xadrez?
En xadrez existe unha dobre discriminación positiva precisamente para favorecer que as mulleres se acheguen ao xadrez. Aínda así cústanos moitísimo que se impliquen. Creo que se debe, en xeral, a que a muller está centrada “en cousas máis importantes” entre comiñas. Quero dicir que os homes se cadra temos un aspecto lúdico que mantemos máis de adultos, seguimos sendo máis nenos ou máis infantís. Creo que a muller está centrada nas cousas realmente máis importantes da vida. O xadrez non deixa de ser un xogo, entón a parte lúdica semella como se elas a tiveran deixado a un lado. Cando o coñecen lles encanta e, destacan, en xadrez calquera persoa pode xogar moi ben. Non hai que ter ningunha condición previa.
Que mitos persisten neste sentido ao redor do xadrez?
Esta o mito de que para xogar ao xadrez, hai que ser máis intelixente, é unha falacia, calquera persoa pode xogar ao xadrez. Percibo a sensación que ten moita xente de que para xogar ao xadrez hai que ser máis listos, ser máis intelixente. Un mito que segue aí e fai dano.
É exactamente o contrario, podemos xogar todos e nos vai axudar a ser máis intelixentes. Todos estamos capacitados sen excepción para xogar ao xadrez. Ese mito pesa moitísimo e impide que moita xente se achegue ao xadrez. Outro mito é o de que o xadrez é aburrido, cousa de friquis, os das gafiñas,.. O que o coñece ve que xa o xogo en si é divertido, o ambiente é san, xa que te relacionas con persoas de todas as idades, é moi enriquecedor.
Poderiamos dicir que é un deporte do máis inclusivo...
Evidentemente, niso destaca por riba dos deportes máis físicos, xa que en xadrez non se requiren condicións físicas previas. Xógase en todas as idades, o noso socio máis maior ten 90 anos e o mais novo, 6 anos. O máis maior compite en competicións e torneos oficiais, con resultados como calquera outra persoa.
Unha cousa moi bonita da que se fala pouco, é que diante dun taboleiro todos somos exactamente iguais, desaparece todo. Cando dúas persoas nos sentamos a xogar ao xadrez, todo o que anda por aí nivel de diferencias, desaparecen. Só somos dúas persoas xogando unha partida ao xadrez, me parece o máis bonito, desaparece a idade ou xénero, e pasa a ser unha loita intelectual dunha persoa contra outra.

E que hai da 2ª edición do torneo Xadrez Amodiño? Como van as inscricións?
A inscrición para este torneo está aínda aberta. Seguimos un esquema de organización torneo anuais, partindo de que hai 3 modalidades de xogo, recoñecidas pola federación internacional. Todos os nosos torneos son válidos para o que no xadrez se denomina ‘Elo FIDE’ que é un número que mide o teu nivel de forza recoñecido internacionalmente pola federación.
Os tres torneos que realizamos son un de ritmo lóstrego en xaneiro, un torneo de xadrez lento, que é o de toda a vida, partidas cunha hora e media por xogador e incremento de 30 segundos por xogada, ‘o amodiño’ que se fai unha vez que remata a liga galega. Animo a participar neste torneos, especialmente no xadrez amodiño, porque é o xadrez pensado, lento en todo o seu esplendor. E logo, a final de ano, facemos o torneo estrela do club, o Open internacional Xosé Antonio Ferreño.
Neste torneo tivemos ao que foi campión do mundo xuvenil e grandes mestres. Levamos dúas edicións e será a terceira e de amodiño xa é a segunda edición. Haberá neste próximo xogadores titulados internacionais e de todos os niveis. Nos nosos torneos é importante a oportunidade, que haxa algún mestre internacional, como o cubano, Marco Antonio Morales, mestre CIDE, e un xogador de primeiro nivel; logo titulados da Coruña e aínda falta un mes, xa estas persoas están inscritas.
Porén, nos nosos torneos tamén nos interesa moito que participe o que está comezando no xadrez. Ten a ocasión de participar en competición oficial, cun arbitro habilitado FIDE, toda unha experiencia. Resulta moi enriquecedor e teñen a posibilidade de ver xogar a mestres de nivel internacional e mundial e falar con eles. A prioridade é que os xogadores se sintan ben tratados, respectados, e garantir un ambiente moi educativo.
Como final de conversa, nunha palabra que significa o xadrez?
Para min o xadrez é vida.