As Xornadas ‘Memoria Consciente’ destacan o papel das mulleres no patrimonio e os retos do feminismo

ACoruñaXa
O deputado Xosé Penas inaugura unha nova edición enfocada na visibilización feminina en ámbitos como a museoloxía e a urbanismo
Imaxe das xornadas ‘Memoria Consciente
16 Nov 2024

O Muncyt foi onte á tarde o escenario da inauguración da sétima edición das Xornadas Científicas da área de Patrimonio da Deputación da Coruña, que levan por título ‘Memoria Consciente: miradas cruzadas aos retos do feminismo no patrimonio’. O evento, que continuará mañá con actividades no Muncyt e percorridos históricos pola cidade, busca poñer o foco no papel das mulleres no ámbito do patrimonio e reflexionar sobre os desafíos que o feminismo afronta neste campo.

O deputado de patrimonio, Xosé Penas, foi o encargado de abrir o evento, destacando a evolución destas xornadas desde o seu nacemento no Dolmen de Dombate no 2021. “Estas xornadas non só mesturan ciencia e sociedade, senón que consolidan o patrimonio como eixo de aprendizaxe, intercambio e participación. Nesta edición abordaremos os retos do feminismo en áreas como a museoloxía, a arqueoloxía, a arquitectura e o urbanismo, da man de profesionais destacadas”, explicou.

Penas subliñou que o obxectivo principal é “fomentar a vocación científica e visibilizar ás mulleres en todos os campos do coñecemento, poñendo en valor o traballo realizado no noso país. Temos unha fenda de xénero que aínda pesa, especialmente no ámbito do coñecemento e a divulgación, e iniciativas como esta son fundamentais para combatela”.

A programación inclúe conferencias, mesas redondas, obradoiros e unha ruta cultural pola historia das mulleres na Coruña, con parada no Conservatorio Profesional de Danza, onde a violonchelista Margarida Mariño ofrecerá unha actuación. Estas actividades buscan combinar o rigor científico co compromiso social, explorando o patrimonio como ferramenta para a igualdade.

⚙ Configurar cookies
0.73801898956299